A Xunta destaca en China a calidade dos produtos agroalimentarios galegos que se afianzan no mercado asiático

O director do Igape, Juan Cividanes, participou na celebración do Día de Galicia dentro da segunda Feira Internacional de Importación de China, na que encabeza a delegación impulsada pola Administración autonómica a Cámara de Comercio da Coruña. Na cita mundial, que acolle a 2800 empresas de 170 países, exhiben os seus produtos Pescanova, Albo, Lanzal, Estrella Galicia, Vinigalicia, Feiraco-Clun, Leche Río, Galmesano e Coren

O director do Igape, Juan Cividanes, destacou hoxe o potencial do sector agroalimentario galego, que se afianza nos mercados asiáticos coa calidade dos produtos que ofrece como carta de presentación. Así o manifestou en Xangai durante a celebración do Día de Galicia na segunda Feira Internacional de Importación de China, onde exhiben os seus produtos as nove empresas galegas ás que a Xunta e a Cámara de Comercio da Coruña acompañan na misión comercial que están a realizar no país.

Pescanova, Albo, Lanzal, Estrella Galicia, Vinigalicia, Feiraco-Clun, Leche Rio, Galmesano e Coren están presentes no espazo expositivo propio que Galicia ten nesta cita da importación, na que ata o domingo se dan cita máis de 2800 empresas de 170 países e que é un referente mundial para as vendas a China da industria da alimentación e as bebidas.

Ao acto, que inaugurou o director do Igape, asistiron representantes da multinacional Bright Food, que apoiou a presenza de Galicia neste evento coa cesión dun espazo propio no seu expositor. Ademais de actuacións musicais e de danza, a celebración do Día de Galicia contou cun obradoiro no que o chef galego Miguel Mosteiro presentou a cociña atlántica.

Na súa intervención, Cividanes sinalou que a participación de Galicia nunha cita tan relevante para o comercio exterior con China é o mellor escaparate para amosar a competitividade e o bo facer da agroalimentación galega, industria que destaca pola incorporación de innovación, a modernización tecnolóxica e a combinación de tradición e calidade na produción.

Exportacións da industria agroalimentaria a China

Cividanes precisou que as vendas deste sector a China supuxeron o 26% do total das exportacións galegas a este país. E que nos oito primeiros meses do ano, de xaneiro a agosto, rexistraron un incremento do 82,7%, cun volume que acadou os 66,38 millóns de euros. De feito, Galicia é a oitava comunidade autónoma máis exportadora de produtos agroalimentarios cara este destino, e este país é o segundo en Asia nas vendas galegas de alimentación e bebidas.

O director do Igape concluíu asegurando que o apoio á presenza da agroalimentación galega na segunda Feira Internacional de Importación de China tamén ten como obxectivo apoiar ás empresas galegas que queren abrirse paso nos mercados asiáticos. Neste contexto, lembrou que a través do plan Foexga e do programa Sinerxía, o Goberno galego, en colaboración coa Cámara de Comercio da Coruña, impulsa outra misión multisectorial tamén en China e, ademais, en Taiwán, na que do 2 ao 21 deste mes outras oito empresas galegas están a buscar novas vías de investimento e colaboración neses destinos.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres × 1 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.