Ana Miranda di que o BNG no Congreso “presionará ao novo goberno para que solicite os fondos europeos para sanear a Ría do Burgo”

O Bloque critica que o actual Executivo non considerara prioritario pedir os fondos dispoñibles dende hai meses en Bruxelas

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, reproba que o actual goberno estatal non solicitara xa os fondos europeos para executar o saneamento da Ría do Burgo, dispoñibles desde hai varios meses na Comisión Europea. “Desde o BNG lamentamos que o goberno central non lle dera prioridade a este proxecto e se escude en que agora non os pode pedir porque está en funcións. Antes de estar en funcións tampouco os pediu, polo que deixamos deberes para o novo goberno e os solicite sen demora”, subliña.

“Onte confirmáronme que os fondos europeos non foron solicitados polo Estado”, explica Ana Miranda, para quen é inadmisible que o goberno central non considere prioritario cumprir as directrices que marca a Directiva Marco da Auga. “Non é de recibo que habendo fondos dispoñibles tras o visto bo de Bruxelas para o cambio de criterios dos Fondos Europeos de Desenvolvemento Rexional (Feder), non teñamos a Ría do Burgo saneada polo pasotismo do goberno”, subliña.

Así, a portavoz do BNG en Europa subliña que só se o Bloque chega ao Congreso “haberá presión suficiente para que o novo goberno do Estado solicite os fondos europeos dispoñibles”. Ademais, lembra que foi en 2013 cando unha misión oficial do Parlamento Europeo visitou as rías galegas, entre elas a do Burgo, para comprobar a contaminación das súas augas. “Máis de seis anos despois, a Ría do Burgo segue sen sanear, co prexuízo que iso supón para a actividade marisqueira”, denuncia Miranda.

Recorda igualmente que en marzo deste ano tamén estivo visitando a ría coruñesa o eurodeputado letón Miroslavs Mitrofanovs, despois de que a Comisión de Peticións decidira manter aberta a petición sobre a contaminación desta ría. Precisamente este deputado, nun encontro que mantivo co presidente e integrantes da Confraría de Pescadores da Coruña e representantes das mariscadoras afectadas, manifestou a súa estrañeza por que nin o goberno galego nin o central teñan intención de resolver o problema de contaminación e acumulación de lodos nesta ría.

Presión na Comisión de Peticións

“Seguiremos denunciando tanto aquí como en Bruxelas a inacción da Xunta e do goberno central e tamén esixindo que se poña fin a esta situación tremendamente prexudicial tanto desde o punto de vista medioambiental como económico”, afirma Ana Miranda, quen destaca que foi o BNG quen sempre estivo impulsando iniciativas, presionando e dando voz aos colectivos afectados pola contaminación, con reunións no Parlamento Europeo e visitas ás zonas afectadas.

“Agardo que Néstor Rego sexa deputado no Congreso a partires do luns para que haxa alguén de Galiza que tome a rexeneración da Ria do Burgo en serio no Congreso e inste a que o Goberno reclame os fondos a Bruxelas xa.”, conclúe a portavoz do Bloque en Bruxelas.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cuatro × 1 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.