Ana Miranda insta ao goberno do Estado a cumprir as recomendacións da UE para controlar a seguridade do corredor marítimo galego

O BNG critica a inacción dos gobernos galego e estatal para protexer a costa galega

A portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda, subliña que o goberno Estatal debe cumprir as recomendacións da Unión Europea sobre o control da seguridade marítima a respecto dos residuos nucleares almacenados na Foxa Atlántica, en tanto que a Comisión Europea vén de anunciar que no 2020 vai incluír a verificación da vixilancia da radioactividade na costa galega no seu programa de misións.

“Temos a Foxa Atlántica con residuos nucleares, hai 17 anos sufrimos as consecuencias do Prestige, agora temos o Blue Star na ría de Ares, seguimos esperando á solicitude de fondos para sanear a ría do Burgo, e así podemos mencionar exemplo tras exemplo dos perigos reais na costa galega”, denuncia Ana Miranda, quen considera que as administracións “non poden deixar pasar máis tempo e tomar en serio a situación da costa galega poñendo en marcha medidas que eviten os riscos de contaminación ambiental que existen en Galiza”.

Para a portavoz do BNG en Europa, “diante desta situación é indispensable reclamar as competencias en seguridade marítima e protección do litoral”, ao tempo que indica que o deputado do Bloque no Congreso, Néstor Rego, dará esta batalla porque se trata “dun interese prioritario para Galiza reclamado desde hai anos”.

Miranda considera que o caso do Blue Star pon de manifesto que tras o Prestige non se tomaron medidas para evitar un accidente similar, senón que, pola contra, se tomaron decisións “discutibles” como a de converter a ría de Ares nunha zona para fondear os buques sen ter medios para loitar contra a contaminación. “Que pasaría se o combustible dese buque chegase á costa. Moito nos tememos que as medidas de prevención serían as mesmas que existían cando tivemos que recoller o chapapote coas mans”, critica.

Repercusións medioambientais e económicas

“Lamentablemente, vemos como aos gobernos galego e estatal dálles igual este risco, dálles igual que se produzan vertidos na costa como acontece en Sálvora, ou que haxa restos radioactivos na foxa atlántica”, indica a portavoz do BNG en Europa, en referencia á pregunta escrita que dirixiu á Comisión Europea sobre o estado dos residuos nucleares que se atopan fronte as costas galegas. Segundo Miranda, “é tremendamente preocupante que a Comisión admitira que non dispón de información actualizada do estado dos 220.000 bidóns que foron depositados entre 1990 e 2003”.

Ana Miranda considera que esta inacción ten graves repercusións para Galiza, tanto desde o punto de vista medioambiental como económico. “Da calidade das nosas augas dependen moitos postos de traballo, xa non só no sector pesqueiro e marisqueiro, como acontece na ría do Burgo, senón tamén no desenvolvemento dun sector turístico sustentable e respectuoso co medio ambiente”, afirma, ao tempo que asegura que seguirá denunciando a situación que atravesa a costa galega e reclamando actuacións firmes no cumprimento da Directiva Marco da Auga.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dieciocho − catorce =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.