@anaponton: “Somos garantía para Galiza e na defensa de dereitos”

A portavoz nacional, Ana Pontón, aproveitou o mitin de Carballo para facer un chamamento á mobilización de todas as persoas que queren converter o 10N na oportunidade de que Galiza recupere voz propia no Congreso da man do BNG e poñer fin á discriminación das forzas estatais. Unhas forzas, dixo, que demostraron a súa “inutilidade”, tanto para defender os intereses dos e das galegas, como para avanzar en dereitos e liberdades.

Ao habitual agravio do bipartidismo PP-PSOE, -“especialistas en alternarse no desprezo a este país en función de quen se sente na Moncloa”-, sumouse Podemos “pactando co Goberno de Sánchez os peores orzamentos para Galiza en vinte anos”. Pontón foi crítica coa esquerda española porque tampouco foi capaz de avanzar en democracia e dereitos: “aí están intactas a Lei mordaza ou as contrarreformas laborais que só trouxeron precariedade”, denunciou.

“Moitas persoas que apostou polo PSOE ou por Podemos o 28A están defraudadas e cabreadas pola frivolidade coa que actuaron até volver a levarnos ás urnas”, salientou Pontón. Por iso, a líder nacionalista fixo unha apelación directa para que o 10N voten polo BNG.

“A toda esa xente progresista e de esquerdas indecisa, que pensa na abstención pídolle que mude o seu lóxico cabreo a aposte por algo diferente: votar BNG, porque somos garantía na defensa de Galiza e tamén na defensa dos dereitos e liberdades, porque nós non fixemos parte do problema e si facemos parte a solución”, argumentou.

“Pedímoslles que o 10N collan a papeleta do Bloque sabendo que estarán contribuíndo a dar voz a Galiza e a defender políticas verdadeiramente de esquerdas”, sintetizou.

En Carballo, unha das xoias da coroa da formación nacionalista, Pontón puxo este concello como exemplo da capacidade de transformación para mellorar a vida das persoas que demostra o Bloque cando ten responsabilidades de Goberno. E apelou a ese bo facer para pedir a confianza da veciñanza que nas municipais colle a papeleta nacionalista para que tamén o faga o vindeiro domingo.

“A veciñanza de Carballo sabedes moi ben da capacidade do Bloque e por iso pido a todas as persoas que, convocatoria tras convocatoria, votades a Evencio Ferrero como alcalde, que tamén confiedes no BNG o 10N, para darlle voz propia a Galiza no Congreso, para facernos valer ante o Estado da man da única forza coas mans libres para defender unha axenda de país”.

A procesión dos caladiños

A líder nacionalista salientou que “País Vasco, Catalunya, Canarias, Valencia e até Cantabria teñen representación propia en Madrid, e Galiza non pode ser a única excluída, muda e fora do debate. Non necesitamos unha procesión de caladiños no Congreso, ironizou en referencia os 23 deputados e deputadas electas, que non abriron a boca nin unha soa vez a favor da xente deste país. Precisamos unha voz forte e libre que condicione a política do Estado a favor de Galiza, ese é o compromiso do BNG”, concluíu.

Pola súa parte, o candidato pola Coruña, Néstor Rego, denunciou na súa intervención o “constante proceso de involución democrática con decisións políticas e xudiciais que conculcan dereitos e liberdades públicas; un proceso que hai que enfrontar con firmeza e con decisión sempre, en todo o momento e en todo o lugar”.

En clave galega

“Sabemos que o BNG está a disputar directamente o deputado con VOX. Por iso é necesario concentrar todo o voto en chave galega e tamén todo o voto democrático e antifascista no BNG, para conseguirmos o obxectivo de dar voz ao noso País e de parar xa, aquí e agora, esa dereita carca e antigalega que padecemos, que quere que retrocedamos en dereitos e liberdades, que ataca a nosa lingua e nos nega como pobo”, afirmou Néstor Rego, que se comprometeu a defender no Congreso os dereitos e as liberdades públicas e a contribuír a eliminar a pervivencia e mesmo o auxe do franquismo na política actual.

Neste sentido, apuntou tamén o candidato do BNG que o voto ao nacionalismo, o voto ao BNG é “o máis útil que podemos facer por este país”, tanto pola defensa dos intereses galegos como pola idea de construír unha sociedade máis democrática, xusta, igualitaria e libre. Apelou así ao voto ás persoas decepcionadas coas forzas de esquerda, ás que noutras eleccións votaron forzas galegas que non se presentan o 10N e, en definitiva, a todas as persoas que queren que a voz de Galiza se sinta no Congreso, para defender os intereses galegos e poña fronte á involución democrática coa que ameazan forzas como VOX.

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

nueve − siete =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.