Antonio Jorge Salgado López, presentará o día 6 de decembro en Buenos Aires, o libro “Relatos da Ulloa” editado polo Instituto de Estudos Ulloáns e por Gadis.

O socio porteño de orixe ulloana, o enxeñeiro e escritor Antonio Jorge Salgado López, presentará o día 6 de decembro en Buenos Aires, na Federación de Asociaciones Gallegas de la República Argentina, o libro Relatos da Ulloa editado polo Instituto de Estudos Ulloáns e por Gadis.
O libro, coordinado polo noso socio o escritor e filólogo Xulio Pardo de Neyra, consta de 14 relatos de coñecidos escritores/as inspirados na comarca da Ulloa.
Con esta presentación, e grazas á xenerosidade do representante do IEU Antonio Jorge Salgado, escoitarase de novo a voz da Ulloa en Buenos Aires, principal destino dos emigrantes da comarca a finais do século XIX e principios do XX.

A primeira presentación do libro Relatos da Ulloa tivo lugar no mes de maio en Santiago de Compostela, no Museo do Pobo Galego; a segunda en setembro no Centro Galego de Londres; e a terceira realizarase o 6 de decembro en Buenos Aires. Temos pendentes outras presentacións en Barcelona e no País Vasco que anunciaremos proximamente.