As cinsas mortais de Rodolfo Prada e da súa esposa, Manuela Fraga, repousan no cemiterio de Casdavil, nos Peares

 O cemiterio de Casdavil, nos Peares, acolleu hoxe o enterro das cinsas mortais do insigne ourensán Rodolfo Prada e da súa esposa Manuela Fraga, nun acto cívico-relixioso organizado pola Deputación de Ourense para dar cumprimento da súa vontade: “Descansar na paz de Deus na terra na que nacín, cando Galiza recupere a democracia, arrebatada pola forza da barbarie, e acade o autogoberno do que é merecente como pobo con identidade propia”.

No acto participou o presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar; a neta do intelectual, María Elena Prada Alliende, quen viaxou expresamente desde Santiago de Chile para asistir en representación da familia; o escritor e biógrafo de Rodolfo Prada; xunto con outras autoridades e representantes das Fundacións de persoeiros do galeguismo e de institucións culturais.

A Deputación de Ourense e nomeadamente o seu presidente, Manuel Baltar, vén traballando desde o ano 2016 no rescate da obra e do pensamento de Rodolfo Prada. Resultado deste compromiso e da estreita colaboración coa familia Prada-Alliende, hoxe o intelectual Rodolfo Prada, máximo valedor de Castelao na Arxentina, descansa nunha Galicia democrática e con goberno de seu.

O soterramento dos restos de Rodolfo Prada na terra na que naceu é un “exercicio de memoria histórica, un acto de xustiza e de reparación que chega, trinta e nove anos despois do seu pasamento, para perdurar, para ser un facho de luz que nos guie e ilumine”, dixo o presidente da Deputación de Ourense.

“Hoxe cómprese a vontade dun home bo e xeneroso, dun galeguista cabal e dialogante que defendeu os seus ideais con convicción, lonxe de sectarismos e intransixencias, dun católico que teimou na necesidade dunha Igrexa que falase na lingua do pobo e que atendese á realidade do país. Por elo, hoxe cumprimos unha débeda”, sinalou o presidente do goberno provincial.

Manuel Baltar anunciou unha importante achega do biógrafo de Rodolfo Prada, en colaboración coa documentalista da Biblioteca Provincial, Ángeles Fernández Pérez, “a edición de corenta cartas e outros documentos de Alfonso Rodríguez Castelao dirixidos a Rodolfo Prada, que publicaremos na Colección As Burgas, herdeira daquela outra na que Prada e os emigrados ourensáns deron ó prelo o Sempre en Galiza de Castelao, o 25 de xullo de 1944”. Así mesmo, o presidente da Deputación de Ourense dixo que “proxectamos o “Centro de Interpretación do Galeguismo” no predio onde estaba a casa onde naceu Rodolfo”.

Pola súa parte, Luis González Tosar, quen dixo que Rodolfo Prada “estivo en todo, foi o ourensán que mellor entendeu Galicia desde América”, fixo un repaso pola vida do intelectual afirmando que “a biografía de Rodolfo Prada coincide coa historia política do galeguismo desde a emigración en Bos Aires. Empezou sendo agrario, dos de Basilio Álvarez, estivo en Acción Gallega. En 1918 pasou ás Irmandades da Fala. E así foi evolucionando, da ORNG á Irmandade Galega (PG)”.

O escritor e biógrafo de Rodolfo Prada lembrou que o pearense foi “presidente e motor principal da Organización Republicana Nacionalista Galega e, coa chegada de Castelao a Bos Aires, converteuse no home máis fiel e leal ao rianxeiro”. Así mesmo, engadiu Luis González Tosar, “Rodolfo Prada viaxou por toda América, nos anos 40, para organizar a Irmandade Galega e para afianzar o Consello de Galiza e o pacto GALEUZCA”.

María Elena Prada agradeceu á Deputación de Ourense, en nome da súa familia, que fixera posible que desde hoxe o seu avó “descanse en paz, na súa terra”. O acompañamento musical durante o acto correu a cargo da Coral de Ruada que interpretou a peza “Negra Sombra” de Rosalía de Castro, ademais dos Himnos de Ourense e de Galicia.

Sepultura

No proceso de realización e concepción da sepultura buscouse o simbolismo, dada a estreita e fraterna relación de Prada con Otero Pedrayo e Castelao. Por elo, para a elaboración da sepultura utilizouse pedra da canteira de Trasalba, moi citado por Otero Pedrayo en diversas obras. A parte frontal, unha cruz inscrita nun círculo con motivos ornamentais románicos, está tirada do tímpano da porta principal da Igrexa de San Pedro de Trasalba (Amoeiro). 

Castelao incluíu na súa monumental obra “As cruces de pedra na Galiza”, editada por Rodolfo Prada e Luís Seoane, un debuxo desta cruz do século XIII, feito nunha das súas visitas á casa grande de Otero Pedrayo, en Cimadevila.

Na lápida aparece o seguinte texto: “Os Peares, 3 de novembro de 2019. A Deputación de Ourense, atendendo a solicitude da familia Prada-Alliende, trasladou desde o Panteón do Centro Galego de Bos Aires as cinsas mortais do patriota galego Rodolfo Prada, ourensán exemplar, e as da súa dona, Manuela Fraga, dando así cumprimento á súa vontade: “Descansar na paz de Deus na terra na que nacín, cando Galiza recupere a democracia, arrebatada pola forza da barbarie, e acade o autogoberno do que é merecente como pobo con identidade propia”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

uno × dos =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.