As vivendas de promoción pública que a Xunta ten a disposición da veciñanza no barrio da Tinería son xa o fogar de 80 familias

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, participou na mesa de seguimento do plan de dinamización convocada pola asociación de veciños deste emblemático barrio do casco histórico de Lugo

As vivendas de promoción pública que a Xunta de Galicia ten a disposición da veciñanza no barrio da Tinería, todas elas en réxime de alugueiro, son xa o fogar de 80 familias que contribúen a revitalizar este emblemático barrio do casco histórico lucense.

Neste momento non hai ningunha vivenda vacante pero, nos próximos meses, o barrio sumará as nove vivendas resultantes da rehabilitación dos catro edificios (Tinería 15 e 30 e recanto do Miño 11-13 e 17) que a Xunta recupera neste espazo para destinalos a alugueiro social, a través do rexistro autonómico de demandantes de vivenda.

Así o explicou o delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, durante a súa participación na mesa de seguimento do plan de dinamización do barrio da Tinería convocada pola asociación de veciños deste emblemático barrio do casco histórico de Lugo e no que o responsable territorial deu conta das xestións realizadas desde a administración autonómica nos últimos meses.

Por outra banda, Balseiro tamén trasladou o anuncio efectuado pola conselleira de Medio Ambiente e Territorio, Ánxeles Vázquez que, na súa recente visita ao barrio confirmou que o Goberno galego destinará o ano que vén 780.000 euros ao plan Rexurbe, unha iniciativa innovadora da Xunta pola que compra edificios deteriorados, os rehabilita e crea novas vivendas socias.

Balseiro explicou que a primeira fase deste plan permitiu a adquisición de tres inmobles (carril dos Fornos, Catedral 22 e 18) que están agora en fase de valoración para cuantificar o custe de rehabilitación e as posibilidades que ofrece para o seu uso como novas vivendas sociais. Adquiríronse todas as ofertadas que cumprían os requisitos.

Finalmente o delegado tamén explicou que o Goberno galego, tras a sinatura dos respectivos convenios de colaboración, traballa nos proxectos técnicos para rehabilitar o Pazo de Dona Urraca, futura oficina de turismo da Xunta e a Casa-Torre, tamén coñecida como antigo hospital de San Miguel, que albergará o centro de promoción turística e gastronómica da provincia e a nova sede administrativa da Apehl (asociación provincial de empresarios de hostalería e turismo de Lugo).

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

veinte − dieciocho =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.