Balseiro invita aos lucenses a sumarse á celebración do aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade

A Delegación Territorial acollerá este domingo un concerto da orquestra “Luca” e o luns unha mesa redonda sobre a vertente cultural e turística do monumento, ambos actos de entrada libre e gratuíta

O delegado territorial da Xunta en Lugo, José Manuel Balseiro, invitou aos lucenses a sumarse á celebración do aniversario da declaración da Muralla como Patrimonio da Humanidade, “porque ante todo o monumento é patrimonio dos veciños e veciñas de Lugo, para os que ten un valor identitario”, sinalou.

 Balseiro explicou que, con motivo desta efeméride, a Consellería de Cultura e Turismo -departamento responsable da xestión da Muralla- organizou na Delegación Territorial da Xunta en Lugo senllos actos os días 1 e 2 de decembro, con acceso libre e gratuíto ata completar o aforo

Así, este domingo a orquestra de música clásica Luca (Lugo Camerata) ofrecerá un concerto no salón de  actos, ás 20.00 horas, no que interpretarán obras de Sibelius, L.E. Larsson, A. Piazzolla, E.Elgar e B.Britten. A duración aproximada será dunha hora.

O luns día 2 terá lugar no mesmo escenario a mesa redonda ‘A Muralla: Patrimonio e Turismo’ para abordar o impacto que tivo a declaración pola Unesco no atractivo turístico do monumento e da propia cidade, e como axudou a nova situación a incrementar o coñecemento da capital lucense no exterior.

A cita será ás 19 horas e nela intervirán como relatores Mario Crecente, arquitecto, consultor turístico e profesor; Tito Concheiro, arqueólogo e divulgador cultural, e os xornalistas Paco Nieto e Paco Rivera. Estará moderada polo xornalista José Luís Ramudo.

Balseiro explicou que este foro busca analizar, entre outros aspectos, “o eco que tivo este recoñecemento mundial e o papel que xogan os medios de comunicación na súa difusión”.  En anteriores ocasións, a mesa redonda da Xunta reuniu aos protagonistas institucionais deste recoñecemento mundial e, o ano pasado, ao equipo técnico de profesionais encargados da súa conservación, coidado e mantemento.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

dos × tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.