@CCOO. Malos datos para Galicia: sobe o paro e baixa a ocupación

Os datos publicados hoxe, consolidan a tendencia iniciada en xullo de desaceleración na creación de emprego. O paro aumentou en Galicia en 7323 persoas, unha suba do 4,66 % respecto do mes de outubro que, ademais, é 1,5 puntos superior á media estatal. Este incremento é o mais alto de un mes de outubro desde 2013 e o terceiro consecutivo, polo que CCOO coida confirmada a «tendencia na desaceleración do emprego en Galicia».

A secretaria de Emprego de CCOO de Galicia, Maica Bouza, urxe a adoptar medidas no emprego e no tecido produtivo galego para «evitar que a desaceleración troque en recesión». Entre outras, insta a «reverter o dano» provocado pola reforma laboral e abordar os cambios estruturais que necesitan a economía e a sociedade españolas. Canto á Xunta, a dirixente sindical pide mudar o proxecto de orzamentos de 2020 (que está en tramitación) para «dar resposta ás necesidades da cidadanía galega».

Análise por sexos e sectores

Por sexos, entre os homes aumentou o paro en 4393 persoas, mentres que nas mulleres se incrementou o número de inscritas en 2930. Cabe salientar que o 58 % das persoas desempregadas son mulleres. Por sectores, o desemprego sube en todos, pero é o dos servizos o responsable da maior parte do crecemento do desemprego (5097 persoas paradas máis), pois no resto é menos significativa a suba. O paro aumentou tamén en todos os tramos de idade.

Prestacións e afiliación á Seguridade Social

No mes de setembro cobraron algún tipo de prestación 81.850 persoas. Delas, 36.754 cobraron unha prestación contributiva; as restantes 45.096 percibiron subsidios. Isto é, en Galicia hai 68.415 persoas demandantes de emprego e con experiencia laboral que non reciben ningunha prestación. A porcentaxe de prestacións contributivas sobre o total reduciuse dous puntos porcentuais no último mes.

Canto á Seguridade Social, a afiliación diminíu tamén en 7400 persoas cotizantes respecto ao mes anterior, situando o número de persoas traballadoras afiliadas en 1.029.548 (delas, 210.489 son autónomas).

Análise interanual

O paro interanual reduciuse nun 3,20 % respecto ao ano anterior nunha porcentaxe moi inferior á dos seis anos precedentes. «Esta redución non pode facernos esquecer das 164.307 persoas que aínda seguen no desemprego en Galicia», apunta Bouza. Entre as paradas, o desemprego reduciuse nun 3,4 % nos últimos doce meses; entre os homes, nun 2,8 %. Porén, seguen sendo as mulleres maioritarias no desemprego (95.320 mulleres por 68.987 homes).

O mercado laboral contráese

Segundo bouza, a caída dos contratos rexistrados en outubro é un indicador da contracción do mercado laboral: un 0,65% menos que o mes anterior, cando no Estado medran nun 6,21 %. Dos 106.040 contratos rexistrados, foron temporais 95.942 (o 90,5%). Tendo en conta que a afiliación baixa, «podemos concluír que a rotación no mercado laboral galego é escandalosa». Sirva como dato ilustrativo da precariedade da contratación en Galicia que, segundo datos do mes de setembro, o 34,6 % dos contratos asinados eran de duración indeterminada e, dos que se coñecía a duración, a metade duraban menos dunha semana.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

catorce + 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.