CIG lamenta “a pasividade” do Corte Inglés ante os acosos sexuais

A CIG-Servizos denuncia que a dirección territorial do Corte Inglés en Galiza e os sindicatos con representación no centro de traballo de Santiago, FASGA e FETICO actuaron con pasividade diante dun grave caso de acoso sexual que chegou a provocar que tanto a traballadora acosada como o seu marido, que tamén foi vítima de “acoso por asociación”, se viran obrigados a solicitar a rescisión do seu contrato de traballo. Un caso para o que xa ratificou sentenza o TSXG e que está pendente de xuízo –con data fixada para febreiro de 2020- pola vía penal.

Roberto Alonso, membro da executiva nacional da CIG-Servizos, considera especialmente grave este tipo de actitudes por parte da dirección territorial dunha empresa como El Corte Inglés, “máis cando eran sabedores de que o acoso sexual afectaba a máis traballadoras e na propia sentenza se dá por probado que era vox populi”.

Do mesmo xeito, Alonso denuncia a “pasividade dos sindicatos con representación no Corte Inglés que non só non fixeron nada, senón que mesmo actuaron en conivencia coa empresa e non exixiron que se puxera en marcha de inmediato todos os protocolos de acoso sexual e laboral existentes”. Unha actitude coa que o representante da CIG anima a enfrontarse e denunciar, para o que ofrece todo o respaldo da centrar sindical.

Acoso sexual desde 2012

Isabel Fraga Rodríguez comezou a traballar no Corte Inglés de Santiago como vendedora no ano 2000. Na mesma empresa traballaba o seu marido, Manuel Cao, desde 1985, como Xefe de Planta.

Ela padeceu acoso sexual desde o ano 2012 até finais de 2016. O seu acosador era o seu xefe de planta. Durante ese período nunca cedeu e a consecuencia diso o que inicialmente foi acoso sexual pasou a ser acoso laboral e moral.

En abril de 2016 foi falar co Xefe de Persoal do Centro, contoulle o que estaba ocorrendo, pero a resposta que recibiu foi que non lle dera importancia a esas condutas e que se miraría o que facer. “Non se activou de inmediato o Protocolo, cando era o que tiña que se ter feito”, denuncia Alonso, para quen con esta actitude “El Corte Inglés deixou a esta traballadora indefensa e abandonada á súa sorte, incumprindo así toda a lexislación existente na materia”.

Diante disto, Isabel Fraga pasa a situación de baixa por IT en novembro por un “trastorno adaptativo, con síntomas predominantes de ansiedade, con hipersensibilidade psicolóxica ao achegarse ao seu centro de  traballo ou ao falar do tema”. A pesar disto, o 9 de decembro de 2016 remitiu burofax ao CITSA, órgano encargado da tramitación do “Procedemento de Prevención e Tratamento de Situacións de Acoso Moral, Sexual ou por razón de Sexo para a empresa Hipercor, S.A” e Corte Inglés para denunciar a situación de acoso sexual e acoso laboral que estaba padecendo por parte do Xefe da Planta Soto 1 do centro comercial.

Acoso sexual a máis traballadoras

Porén, non é até o 2 de Xaneiro de 2017 cando se inician, por parte deste organismo, as actuacións correspondentes. A Comisión entrevista entre os días 17 e 18 de xaneiro a 10 traballadoras e  traballadores que evidencian que por parte do acosador houbo insinuacións e comentarios molestos, humillantes, de contido sexual, obscenos, proposicións de carácter sexual, directas ou indirectas, tocamentos ou roces innecesarios, entre outras.

Unha situación que afectou a Isabel Fraga mais que tamén dixeron ter soportado outras compañeiras e que leva ao representante da CIG-Servizos a lamentar “que se asuma como normal que un xefe actúe deste xeito ou que haxa unha situación tal no centro de traballo que dificulte ás traballadoras denunciar o acoso sexual que están sufrindo”.

Por iso exixe formación e información ás traballadoras e a todo o cadro de persoal do centro comercial, e non só a cargos intermedios “porque non se pode considerar normal que un xefe ou un compañeiro che diga vaia cu tes ou que, directamente, o toque”.

As vítimas son as que teñen que deixar o traballo

O CITSA considerou que houbera acoso sexual mais non moral, unha situación que non puido soportar Isabel, que preferiu rescindir o seu contrato. En primeira instancia, no xulgado do social, conseguiu unha indemnización pero o Corte Inglés aínda se atreveu a presentar un recurso que foi desestimado polo TSXG, que ratificou integramente a resolución recorrida.

O mesmo fixo o centro comercial contra o seu marido, Manuel Cao, quen diante desta situación mantivo unha reunión, en abril de 2016, co xefe de persoal do Corte Inglés de Santiago, co responsable do centro comercial e máis co xefe de persoal de Galiza. Unha xuntanza na que manifestou a súa preocupación polo que lle estaba ocorrendo á súa compañeira, e na que recibiu como resposta un “xa se mirará”, sen que logo se mirara absolutamente nada. Pero a partir da que tivo que soportar que se lle pedira que convencera á súa compañeira de non ir a xuízo como testemuña no caso do despedimento dun compañeiro; que se lle ameazara cun “tomamos nota” por non ir a un evento organizado pola empresa; que se lle recriminara por non ter “parado” a denuncia de acoso no CITSA e que mesmo se lle deixara de saudar por todo isto.

Unha situación que chegou a provocarlle, en abril de 2017, unha anxina de peito e a valoración psicolóxica de “trastorno adaptativo mixto, reactivo a estrés laboral”. Situación que o leva a tamén el deixar o traballo no que levaba desde 1985.

Ante isto, o representante da CIG, Roberto Alonso lamenta que sexan as vítimas as que teñen que marchar da empresa malia ter unha traxectoria laboral impecable de anos. O representante da CIG denuncia ademais a actitude machista da dirección do Corte Inglés, “que presupón que o home ten que controlar o que fai a muller”, pero sobre todo denuncia que falaran con el por non ter parado a denuncia por acoso no CITSA, cando “este tipo de casos teñen que ser confidenciais”.

Grave é tamén que, entre mentres, o Corte Inglés ascendera, sabendo o que estaba ocorrendo, ao acosador, aínda que finalmente, e tras do informe do CITSA acabara cun despido disciplinar procedente.

Sentenza exemplar

A CIG-Servizos agarda que a sentenza que se dite tras do xuízo pola vía penal que está previsto que se celebre en febreiro, “sexa exemplar, para que tanto o Corte Inglés, como o resto das empresas tomen nota, xa que o Corte Inglés nin sequera recoñece o despedimento dos directivos, senón que di que foi un proceso de renovación, negando a maior”.

Roberto Alonso lamenta non ter representación no centro, porque de ser así “teriamos realizado mobilizacións para que cesaran as actitudes de acoso que, tal e como pon na sentenza, sufriron máis persoas, aínda que só esta muller se atrevera a denunciar”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cuatro × 2 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.