@cigxustiza. Demandan no Parlamento un sistema de garda de 24 horas nos xulgados de Instrución da Coruña e Vigo

Unha representación de CIG-Xustiza compareceu esta mañá en rolda de prensa, no Parlamento de Galiza, xunto cos portavoces en materia de xustiza do BNG e En Marea, Luís Bará e Luís Villares, para demandar que a Xunta de Galiza –que é a única das administracións que faltan por facelo- emita o informe necesario para a modificación do sistema de gardas dos partidos xudiciais de Vigo e A Coruña, os únicos con 8 xulgados de instrución do Estado de español que non teñen gardas de 24 horas.

Eva Rodríguez, representante da CIG-Xustiza explicou que non é a primeira vez que se demanda esta modificación, que quedou paralizada ao comezo da crise, e que foi retomada no mes de marzo deste ano, logo de que o Consello Xeral do Poder Xudicial mudara o sistema de gardas da cidade de Córdoba, quedando só as cidades da Coruña e de Vigo como únicos partidos xudiciais con oito xulgados de instrución cun sistema de garda semanal.

Rodríguez lembrou que a resolución da Secretaría de Estado de 2003, que regula os sistemas de gardas nos xulgados de instrución, di que nos partidos xudiciais nos que haxa oito ou máis xulgados de instrución o sistema de gardas durará unha semana para todos os intervenientes, tanto para os funcionarios dos corpos xerais como para os forenses os letrados e xuíces.

Porén esa mesma resolución establece que por volume de asuntos, por poboación ou por características especiais, pode modificarse ou establecerse neses xulgados un sistema de garda diario, de 24 horas. Por iso a representante da CIG-Servizos denunciou que “somos as dúas únicas dúas cidades que seguimos con 8 xulgados de instrución e unha garda semanal”. Unha situación que cualificou como “discriminatoria”, non só por iso, senón tamén porque, con respecto de algúns dos partidos xudiciais que xa teñen este sistema de gardas, “os números nos favorecen.

Neste sentido sinalou que o partido xudicial cordobés ten 30.000 habitantes menos que A Coruña e só 5.000 máis que o vigués e que, segundo datos facilitados polo CXPX, “o número de dilixencias urxentes e de delitos leves ingresados nos xulgados  de instrución da cidade olívica son superiores aos dos órganos do xulgado cordobés. Os números dan”.

Servizo diario continuado

Para a CIG-Xustiza pór en marcha o sistema de gardas de 24 horas introduciría melloras, non só a nivel laboral, senón tamén para a cidadanía. “Suporía un servizo diario continuado para poder acudir aos xulgados a interpor unha denuncia; outorgaríalle fluidez ao xulgado de garda; evitaría prolongacións de detencións innecesarias e, no caso dos médicos forenses, suporía a resolución dun problema que vén de vello: que non se estaba a respectar o tempo de descanso mínimo establecido, que son 11 horas”.

Falta unicamente o informe da Xunta de Galiza

Eva Rodríguez explicou que para facer efectivo este cambio precísanse informes favorables da Xunta de Xuíces deses partidos xudiciais; do TSXG; do Ministerio de Xustiza e daquelas comunidades autónomas con competencias transferidas, como é o caso. Engadiu que na Administración de Xustiza en Galiza conflúen tres administracións: por unha banda a administración autonómica, que é a encargada dos corpos xerais e das/os médicas/os forenses; o Ministerio de Xustiza, que é o encargado de letradas e letrados xudiciais e o CXPX que é o encargado de xuíces e xuízas. E asegurou que todas as partes fixeran o seu informe en positivo mais que aínda “estamos pendentes do informe favorable da Xunta que, polo de agora, non está emitido”.

A este respecto, o portavoz de En Marea, Luís Villares, denunciou o “incompresible bloqueo político” da Xunta de Galiza. Lembrou que esta cuestión foi abordada na comisión primeira con data 4 de setembro de 2019, onde o PP rexeitou a iniciativa argüíndo que “á Xunta de Galiza non lle constaban os acordos das Xuntas dos Xuíces da Coruña e de Vigo, máis tampouco tiñan constancia da Sala de Goberno”.

Un descoñecemento que o deputado do BNG e membro da comisión primeira, Luís Bará, cuestionou se non sería para “tapar a pasividade do goberno”. Nese sentido afirmou que “hai unha demanda tramitada cos informes correspondentes de todos os operadores xurídicos, apoiada desde as organizacións sindicais e non hai ningún motivo para que a Xunta de Galiza non emita o informe necesario para que se poidan cambiar o sistema de gardas de 24 horas porque hai unha discriminación evidente”.

Ambos os representantes dos grupos parlamentarios anunciaron a presentación dunha petición expresa ao goberno e a vicepresidencia, que é quen ten as competencias na materia, e aseguraron que se non se resolve no prazo dun mes, volverán levar o tema a debate parlamentario, en comisión ou en pleno, para que se poida aprobar o acordo e forzar ao goberno a apoiar esta medida.

Ademais, para reforzar esa demanda, a representante da CIG-Xustiza adiantou que tamén se vai abordar esta cuestión co alcalde de Vigo e a alcaldesa da Coruña “para que tamén amosen o seu apoio a esta proposta porque redunda na mellora no servizo de administración de xustiza nas dúas cidades”.

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

1 × uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.