@ComundaEsquerda: “A CRTVG presenta uns Orzamentos cheos de anomalías”. #DefendeAGalega

O Grupo Común da Esquerda denunciou este luns na comparecencia do director xeral da CRTVG, Alfonso Sánchez Izquierdo, que a Corporación presenta uns Orzamentos cheos de anomalías. A deputada Ánxeles Cuña sinalou os incumprimentos en diferentes apartados, comezando pola propia Lei de Medios Públicos, que “cumpre nove anos o día nove, e é unha das máis incumpridas”.

No referente ás contas xerais, Cuña apuntou que “é a entidade que presenta uns orzamentos máis desequilibrados. Prevé un déficit de máis de 102 millóns de euros que se cubrirá cunha aportación de capital da Xunta”, sendo esta achega de fondos cada vez maior.  A deputada tamén inquiriu ao director xeral pola caída do 8% dos ingresos en publicidade e a perda de audiencia, que cualificou de “histórica.  Onde están a eficacia, a eficiencia e a transparencia?”

Do mesmo xeito, criticou o gasto que ocasionan os membros do Consello de Administración: “Saénnos moi caros para as poucas competencias que teñen”. Ademais, denunciou que a comisión de igualdade deste órgano unicamente celebrou catro xuntanzas no 2016 e seis no 2017.

Con respecto ás anomalías na memoria dos Orzamentos, Ánxeles Cuña indicou que os eixes nos que se asentan as actuacións da Corporación “están cuestionados polos grupos da oposición e polo persoal”. Entre outras cuestións, remarcou que as traballadoras e traballadores  “levan 76 venres negros cuestionando estes eixes” e reivindicou a actualización das categorías profesionais, que “son as mesmas que en 1992 e están conxeladas”.

No tocante ás anomalías legais, Cuña indicou os artigos da Lei que non se están cumpridos, como o referente ao nomeamento do director xeral, que debe ser elixido polo Parlamento. “Como ao PP non lle dan os números, blindaron a Sánchez Izquierdo cunha Lei de Acompañamento. Metérono pola porta de atrás e aí está”. Ademais, reclamou a creación do consello de infomativos,e da autoridae audiovisual independente, figuras que non existen actualmente e están recollidas na Lei. A deputada tamén lembrou que o director xeral “ditaminou servizos abusivos, dinamitando o dereito a folga. Xa pedimos a súa dimisión por isto e parece que nin se inmuta.  Acumulou xa 25.000 euros en multas por 3 sentenzas ao respecto nos últimos meses”.

Por último, Cuña citou as anomalías nas liñas estratéxicas de produción, facendo fincapé na desaparición das conexións locais, a escasas programación cultural, especialmente a ausencia de programas destinados á reivindicación do patrimonio, a falta de programas de información política ou a ausencia de recursos para erradicar o machismo.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

cuatro + 15 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.