En Marea propón 500 millóns máis en orzamento social

“Os orzamentos da Xunta deben atallar as emerxencias climática, feminista e social que vive Galicia”, asegura o grupo

En Marea propón a devolución dos orzamentos ao goberno ao tempo que propón emendas en todos os apartados orzamentarios e fixa a proposta de incrementar a inversión social en Galicia durante 2020 en case 500 millóns de euros sobre o orzamento de 2019. Este incremento está destinado fundamentalmente a atallar as emerxencias climáticas, feminista e social que vive o país. Unhas emerxencias que, revisados os orzamentos presentados pola Xunta, o PP quere continuar ignorando en todos e cada un dos sectores sociais e económicos de Galicia. En Marea considera, por outra parte, que facer “regalos fiscais” aos ricos mentres hai tantas necesidades que atender é unha demostración máis “da néboa que rodea a Feijóo e que non lle deixa ver a realidade de Galicia”, segundo expresou o voceiro de En Marea, Luís Villares.

En Marea considera que os orzamentos presentados pola Xunta de Galicia non atenden nin sirven para atallar ningunha das emerxencias que vive o país que, revisadas as contas presentadas polo goberno, son ignoradas ou reciben incrementos insignificantes. Nos tres casos máis significativos, os orzamentos da Xunta non demostran ningunha prioridade nas cifras. Villares considera que estes orzamentos son de “carácter claramente antisocial” e “consisten en baixadas de impostos aos ricos mentres o resto da poboación segue sen ter ben atendidas as súas necesidades en materia de sanidade, dependencia ou en planes de emprego e de desenvolvemento económico para o futuro”. Por este motivo, a proposta da formación é incrementar a inversións social en 475 millóns de euros sobre o exercicio anterior.

En Marea presenta unha emenda de totalidade para que os “orzamentos sexan verdadeiramente sociais”, con case 500 millóns de euros que atendan as tres emerxencias do país.

Vivimos unha emerxencia feminista, mais sen embargo, os fondos destinados a protección e apoio das mulleres que sofren violencia de xénero resulta ser das que menos se incrementa. Concretamente o aumento soamente é do 1,22%, por debaixo do que medra o conxunto dos orzamentos, e pasa de 14,1 millóns a 14,27 millóns. Un incremento que resulta ser insignificativo especialmente cando se ten en conta o executado no ano 2018. En dito ano o gasto comprometido foi de 14,6 millóns, mentres que o gasto executado acadou os 6,6 millóns. En Marea propón como punto de partida “un plan de superación da fenda salarial entre mulleres e homes”. A proposta de En Marea para a emerxencia feminista nos orzamentos deste ano tamén pretende poñer en marcha un plan de conciliación da gratuidade das garderías de 0 a 3 anos.

Sufrimos unha emerxencia ambiental, pero a Xunta non considera darlle a importancia que realmente ten. Baste con comprobar que cando consideramos todas aquelas partidas destinadas a actuacións contra o cambio climático o gasto destinado a combatelo non chega aos 450 millóns de euros, o 4,3% do gasto orzamentario total. As propostas de En Marea para esta emerxencia están centradas en puntos como a creación dunha empresa pública para as enerxías renovables que sirva para xestionar os embalses e parques eólicos con concesións que vaian caducando. Entres as propostas de En Marea tamén está a creación dunha empresa pública comercilizadora de enerxía para abaratar os prezos a familias e a industrias.

crise industrial que preconiza a emerxencia social dun paro insoportable, e que funciona como tarxeta de embarque da nova emigración, non resulta un problema para a Xunta do PP, que considera que os retos aos que se expón este sector son insuperables e prefire apostar polo máis sinxelo, encomendarse ao santo e agardar que o 25 de xullo caia en domingo. Causa estupor que un país no que as súas zonas máis industrializadas están en crise estrutural ou de modelo (electrointensivas), pasando por dificultades conxunturais importantes (construción naval) precisadas de captación de novos proxectos de desenvolvemento (transformación agroalimentaria, I+D+i), ou en transición (automoción eléctrica) merezan o desprezo da Xunta ata o punto de que a partida dedicada ao Desenvolvemento Empresarial cae nun 1,28%. Mentres tanto, iso si, a aposta polo turismo, que crea emprego maiormente estacional e de baixa calidade, moi sometido á conxuntura económica internacional e que ten efectos secundarios no uso especulativo das vivendas que soben os prezos do aluguer nas cidades impedindo a emancipación da xente moza -sen que a xunta actúe para neutralizalo-, e que promove o crecemento desordenado e insostible do cemento no castigado litoral de Galicia, increméntase nun 15%. Neste sentido, En Marea propón “a creación dun plan de industrialización verde que terán a Cerceda e Ferrolterra como puntos de arranque desde os que elaborar un mapa da transición sostible para Galicia”. Segundo explica o voceiro de En Marea, a intención deste plan é “evitar que o peche de empresas se convirta nunha fábrica de parados e emigrantes”. Tamén desde o punto de vista social, En Marea propón un incremento da atención á dependencia e unha ampliación dos servizos da demanda sanitaria.

Estas cifras manexadas pola Xunta de Galicia para o orzamento de 2020 sinalan que as prioridades do PP son moi diferentes das necesidades do país e por iso En Marea propón unha serie de medidas destinadas a favorecer a inversión en medioambiente, feminismo e social para atallar os males do país, desde a desigualdade á crise industrial e laboral pola que atravesa Galicia. Villares asegura que estes case 500 millóns de euros de inversión social que propón En Marea terán unha procedencia moi clara nos orzamentos, “anulando as rebaixas fiscais aos máis ricos e subindo a fiscalidade as grandes empresas que se están beneficiando do expolio dos recursos de Galicia”. Villares reclama “a aplicación dunha xustiza fiscal para un reparto máis efectivo dos recursos e que ninguén quede atrás en Galicia”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diez + doce =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.