Entidades membro de COGAMI presentan a campaña DisOrganic para visibilizar a discapacidade orgánica en Lugo

Representantes da Federación COGAMI-Lugo, Asociación de Mulleres con Discapacidade de Galicia, Alcer Lugo e profesionais do centro de día de COGAMI en Lugo presentaron o símbolo internacional da discapacidade orgánica ante a presenza da Subdirectora de Humanización

Co fin de acabar coa invisibilidade da discapacidade orgánica, o movemento asociativo de COGAMI presentou na entrada principal do Hospital Universitario Lucus Augusti (HULA), o símbolo internacional da discapacidade orgánica, denominado DisOrganic.

Este símbolo, que se presentou simultaneamente en 41 cidades españolas, nace para acabar coa invisibilidade deste tipo de discapacidade. Dende COGAMI e o seu movemento asociativo, sobre todo as entidades que forman parte da súa Comisión Sociosanitaria, cren na importancia de participar nesta campaña para difundir problemáticas que viven persoas con discapacidade orgánica como son a falta de recoñecemento, invisibilidade e incomprensión como consecuencia das alteracións que se orixinan no interior do corpo humano e que pasan desapercibidas pola maioría da poboación.

Dende as 10 horas, representantes das entidades Federación COGAMI- Lugo, ACADAR, Alcer Lugo e profesionais do centro de día de COGAMI en Lugo montaron un punto informativo na entrada principal do HULA para informar e asesorar a todas as persoas que durante a mañá accedían ao centro hospitalario. Para ilo, aparte de persoas voluntarias, contaron con material de difusión explicativo sobre a discapacidade orgánica.

“Este símbolo responde á invisibilidade, a incomprensión e á falta de recoñecemento ás que teñen que facer fronte as persoas con discapacidade orgánica no seu día a día”, leu nun manifesto a presidenta de ACADAR, Mónica Álvarez. “Con este símbolo buscamos socializar a discapacidade orgánica, concienciar á poboación sobre a súa existencia e promover a inclusión e o empoderamento das persoas con este tipo de discapacidade”.

Mónica Álvarez, en presenza da subdirectora de Humanización, Pilar Rodríguez e de Gloria Enríquez, tamén de Humanización do centro hospitalario, engadiu que “os símbolos gráficos desenvolven un papel comunicativo fundamental á hora de reflectir realidades sociais e poden visibilizalas dunha maneira inmediata e concisa, facilitando e normalizando o comportamento e as interaccións humanas”.

A discapacidade orgánica prodúcese por alteracións que se orixinan no interior do corpo humano. Algúns sistemas corporais presentan unha perda de funcionalidade relacionada cos órganos internos ou con procesos fisiolóxicos. Estes órganos poden ser os riles, fígado, o corazón, os pulmóns, pero tamén falamos da coagulación do sangue, o aparato dixestivo, o sistema linfático, o aparato locomotor, o sistema inmune ou o sistema nervioso central.

As persoas con discapacidade orgánica son moi diferentes entre si e atopan problemáticas moi diversas. Algunhas delas son limitacións na vida diaria, a necesidade de seguir tratamentos e atención sanitaria continuada, elevados graos de dolor, ser máis vulnerable a infeccións e poden derivar en discapacidade física.

Nesta campaña de presentación de DisOrganic, dende o movemento asociativo de COGAMI aproveitan para reclamar que os servizos de valoración da discapacidade en moitos casos non recoñecen oficialmente a discapacidade orgánica, por non dispoñer dun baremo de valoración equitativo, xusto e que cumpra cos criterios da Clasificación Internacional do Funcionamento, da Discapacidade e da Saúde (CIF). Por este motivo, “pedimos a actualización deste baremo”.

O Símbolo Internacional da Discapacidade Orgánica pode ser utilizado libremente por parte de calquera persoa física ou xurídica ao estar compartido baixo licenza CC-Zero de Dominio Público. A presentación é posible a través dunha subvención procedente do 0,7%. Ademais, esta campaña está sendo compartida nas redes sociais co hashtag #DisOrganic para darlle a maior visibilidade posible entre a poboación

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diez − 7 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.