Galicia pon en marcha unha nova incubadora de alta tecnoloxía para o sector da automoción

A Xunta e Zona Franca lanzan a primeira convocatoria da High Tech Auto, que hoxe abre o prazo de presentación de proxectos

A Xunta e o Consorcio Zona Franca de Vigo lanzan hoxe a primeira convocatoria da High Tech Auto (HTA), a nova incubadora para o sector de automoción que vai complementar o labor da Business Factory Auto (BFAuto) no desenvolvemento de iniciativas innovadoras nun sector estratéxico para Galicia e prioritario dentro da Estratexia Europea de Especialización Intelixente (RIS3).

A nova aceleradora de proxectos tecnolóxicos enmárcase no Programa Operativo Plurirrexional de España e conta co cofinanciamento da Fundación Incyde a través dos fondos Feder da Unión Europea. Desde Vigo apoiará, nas fases incipientes, proxectos da automoción e da industria auxiliar co obxectivo de validar ideas e tecnoloxías que dean lugar a modelos de negocio innovadores.

O obxectivo último da HTA é completar o ecosistema de innovación do sector automoción e compoñentes en Galicia, integrado por emprendedores, empresas, o sistema de coñecemento e I+D+i, as administracións públicas e as entidades financeiras, así como favorecer a transferencia de tecnoloxía do ámbito académico e tecnolóxico ao tecido empresarial e avanzar cara a consolidación da Industria 4.0.

Este novo foco de emprendemento especializado manterá aberta a súa primeira convocatoria ata o 14 de febreiro de 2020 e integrará entre os seus obxectivos e metodoloxías de traballo procesos que permitan orientar as iniciativas incubadas cara á BFAuto, tamén promovida polo Goberno galego. Ambas as dúas aceleradoras guiaranas de forma conxunta desde a fase semente ata que saian ao mercado e se consoliden.

Cuarta edición da BFAuto

Deste xeito, a iniciativa súmase ás aceleradoras sectoriais coas que Galicia conta noutros sectores produtivos, impulsadas tamén pola Consellería de Economía, Emprego e Industria ao abeiro da Axenda 4.0, como a aeronáutica (BFAero), o agroalimentario (BFFood), a biotecnoloxía (Bioincubatech) ou Agrobiotech (centrada no agroalimentario, a biotecnoloxía e a biomasa). Estas iniciativas intégranse en StartIN Galicia, a plataforma que aglutina aceleradoras e espazos coworkings cos que se está apoiando o desenvolvemento de 1000 proxectos emprendedores.

A BFAuto vén de seleccionar 20 novos proxectos empresariais para participar na súa cuarta edición, que botará a andar o próximo 9 de decembro. Cun récord de participación, xa que se presentaron 104 iniciativas de máis de vinte países, todos eles relacionados coa transformación dixital, as iniciativas elixidas responden aos retos tecnolóxicos propostos polo sector galego da automoción.

A posta en marcha desta aceleradora, na que cooperan a Xunta, o Consorcio da Zona Franca de Vigo, Groupe PSA e Ceaga, ten permitido crear 35 empresas (máis 14 novas nesta cuarta convocatoria) e máis de 250 empregos, cunha facturación de 33 millóns de euros en 2019.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

11 + 2 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.