Jácome sideral. Por @DulceCorcu

Gonzalo Pérez Jácome non é home deste mundo, terreal coma o resto dos mortais que habitamos neste planeta. El tamén mora no globo terráqueo, pero levita por enriba dos demais algo así coma oitenta andares, que é o tamaño do rañaceos que quere construír en Ourense, para maior gloria do turista que xa non se conforme con visitar As Burgas e demais patrimonio ourensá. 

Cando Manuel Baltar propiciou que Jácome accedese á alcaldía, nese trueque de sillóns  que permitiría ao do PP manter o control da Deputación, non houbo ninguén que non sospeitase que o talante estelar do novo alcalde non ía pasar precisamente desapercibido. Afanado en ser a estrela que máis brile no firmamento político galego, onde a competencia é durísima con Abel Caballero e as incursións de Francisco Vázquez azuzando masas de catro amigos en María Pita na defensa da honra patria española, Jácome sabe que hai que ser ambicioso e non conformarse con facer chalés para veraneantes ricos, senón toda unha torre que faga tremer de envexa aos mesmísimos xeques saudíes, que de megalomanía saben abondo. Ao alcalde ourensán ninguén lle pedíu que puxese os pés na terra, nin que se adicase a gobernar para a xente contruíndo, por exemplo, vivenda social, que está baixo mínimos en todo o noso país.
Do que se trata é de que falen dun,  e para iso hai que botarlle imaxinación, que cartos xa poñerán os e as ourensáns a través do Concello e a Deputación, que despois de todo é a propietaria dos terreos onde se pretende edificar ese rañaceos que sería o máis alto do Estado e un dos máis altos de Europa. Se fructifica, Jácome non vai precisar nave espacial para chegar ao universo sideral, e xa pode aprender Pedro Duque. Agardade tamén que non poñan o seu nome a algunha estrela das que de cando en vez descobren na base de Houston, pero por favor que poña “Orense” e non ese paleto “Ourense” de língua inferior que só empregan os separatistas galegos.
Pérez Jácome ve absolutamente viable o proxecto, e xa anda por aí explicándolle a quen queria escoitar que se Willy Fog deu a volta ao mundo en oitenta días, el vaina dar en oitenta andares. Que non se diga que, pese a todo, non é bilingüe.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

5 × dos =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.