Manifesto Asemblea de Áreas Sanitarias A Coruña. Folga 27-28 de novembro de 2019

Hoxe e mañá os médicos e as médicas da atención primaria galega estamos autoconvocadas a unha folga que aspira a defender un modo digno de desenvolver o noso traballo coas persoas, dentro dunha atención primaria ben dotada que exerza como lugar máis accesible e vertebrador da sanidade pública galega.

Vaia por diante que non é unha folga que persiga melloras salariais, nin máis vacacións, nin privilexios para un colectivo profesional. Esta folga pretende que na primaria se poida traballar ben, con dignidade para as persoas usuarias e para as traballadoras. Porque, neste momento, hai médicas e médicos que atenden 60 persoas ao día. E así non se pode coidar ben da xente.

Todos sabemos ben o importante que é contar cun sistema sanitario público que resolva problemas nos tempos que as persoas necesitan que estean resoltos e que atenda a todo o mundo. Por outra parte, tendo en conta que vivimos máis e que acabamos tendo varios problemas crónicos, o tipo de atención sanitaria ten que cambiar, por un lado adaptarse para atender pacientes con pluripatoloxía e por outra parte, resulta imprescindible priorizar a prevención e promoción da saúde, máis que tratar a enfermidade o que hai que facer é poñer en marcha medidas para non chegar a enfermar.

Se orientamos o sistema sanitario cara a prevención, cara a saúde e non cara a enfermidade, temos que potenciar a atención primaria e probablemente cambiar tamén as formas de traballo.

Vou á folga porque quero facer ben o meu traballo. Porque quero comprometerme coas persoas que atendo. Porque quero chegar viva á idade de xubilación. Porque asumimos unha carga que non lle recomendariamos a ningún dos nosos/nosas pacientes. Porque é insalubre facer unha historia clínica, un diagnóstico e un tratamento en cinco minutos, para nós e para as persoas que atendemos. Porque queremos prestarlle atención a quen nos conta que está deprimida, que sofre violencia, que ten os síntomas dun cancro, que non respira, que non ten cartos para pagar os fármacos, que lle doe o corpo (e a alma) despois dunha vida de coidados, a quen acompaña na morte a un ser querido. Queremos ter tempo para traballar coas familias, para saír das consultas e intervir na comunidade, para formar alumnado e mir, para falar coas adolescentes, con quen quere deixar de beber, para atender emerxencias, para ir aos domicilios das persoas encamadas sen invadir o noso tempo libre, exhaustas e sen poder parar nin a ouriñar.

Vou á folga porque quero ter tempo de practicar coidados paliativos sen chegar dúas horas tarde á miña casa e porque preciso poder parar media hora a explorar a unha persoa que está realmente enferma. Quero ter tempo de formarme. E poder compartir coas miñas/meus pacientes unhas nocións de autocoidado para que sexan máis autónomas, máis libres, máis sas e menos dependentes dun sistema sanitario con risco de ser insostible. Quero ter tempo de compartir decisións coas persoas para as que traballo e explicar o que prescribo e por que o fago.

Queremos poder deternos a considerar todos eses factores que inflúen na saúde das persoas: o xénero, os cartos, as condicións de vida e de traballo, a cultura, os hábitos. E para iso precisamos falar coas persoas. E algo que é vital: tempo. O tempo é o noso principal recurso diagnóstico e terapéutico: sen el pedimos máis probas, prescribimos máis fármacos e xeramos menos confianza mutua. E así, as persoas corremos risco de caer na medicalización excesiva da vida.

Aspiro a traballar nunha atención primaria unida, resolutiva e ben dotada de profesionais diversas, valiosas e comprometidas: coas pediatras, coas compañeiras enfermeiras, coas profesionais dos PAC (que garanten a continuidade), coas traballadoras sociais (escasísimas e imprescindibles para o manexo do sufrimento social), coas PSX, que exercen ademais o primeiro contacto coas persoas (non sempre doado), coas matronas (vitais na saúde global das mulleres), coas TCAE (necesarias na continxencia diaria), coas fisioterapeutas (imprescindible rehabilitar e medicar menos), hixienistas, farmacéuticas, odontólogas, terapeutas ocupacionais, psicólogos…

Por todo isto irei á folga. E por todo isto pídovos, mulleres e homes que usades a primaria, adolescentes, anciáns…, que entendades e apoiedes a nosa posición.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

3 + 7 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.