@ManuelBaltar entregou esta noite no Liceo o XXXVIII premio “Blanco Amor” de novela longa ao escritor galego Xesús Fraga

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, entregou esta noite no Liceo o XXXVIII premio “Blanco Amor” de novela longa ao escritor galego Xesús Fraga (Londres, 1971), quen acadou nesta edición o recoñecemento do xurado pola súa obra Virtudes (e misterios). Ao certame, que organiza a Deputación de Ourense en colaboración coa Fundación “Eduardo Blanco Amor”, dotado con 15.000 € e escultura de Acisclo Manzano, presentáronse un total de 23 orixinais, sendo a obra elixida polo xurado a presentada por Xesús Fraga baixo o lema “A miña familia e outros emigrantes”.

A novela premiada recrea, segundo recolle o xurado na acta, as vicisitudes dunha familia das Mariñas coruñesas, marcada pola emigración a América e a Europa. “Trátase dunha historia asentada na realidade da segunda metade do século XX, ben vertebrada e contada a través dun variado mosaico de lembranzas, sensacións, testemuñas, fotografías e o diario dunha nai”, sinala a acta do xurado.

Na gala de entrega do premio -na que participaron, ademais do presidente da Deputación de Ourense e do autor, o secretario xeral de Política Lingüística da Xunta, Valentín García, e o presidente do PEN Galicia, Luis González Tosar, e que contou coa presenza de representantes institucionais, sociais e culturais-, Manuel Baltar salientou: “Vivín durante bastante tempo, xunto coa miña familia, na mesma rúa onde don Eduardo tivo a súa vivenda, un modesto piso que tanto desexou e que tan pouco gozou, só os seus últimos tres anos”, un piso, lembrou o presidente, “adquirido grazas a unha iniciativa de Laxeiro, bo amigo seu, quen lanzou en 1976 a campaña: “Unha casa para Blanco Amor”, secundada por varios artistas plásticos que doaron cadros e esculturas que logo serían subastados, e co recadado, puido ter, despois de vivir de prestado máis dunha década, un fogar onde colocar a súa biblioteca e onde traballar cómodo”.

Manuel Baltar destacou que nesa rúa, despois chamada  “Eduardo Blanco Amor”, cheguei a velo pasear e alí moita xente me falou del. Era un veciño máis, aquel escritor amable, educado e elegante que viñera de Bos Aires, que se paraba a falar con todo o mundo, contábanme”, e salientou que a verdade sobre a penuria económica dun intelectual lúcido e brillante “díxoa Laxeiro cando lle entregou os cartos para mercar o apartamento en Ourense: “Foise pobre e volveu pobre”. Sen embargo, soubo levar esa circunstancia, unida a un evidente baleiro no mundo cultural galego dos sesenta, a década do seu regreso definitivo, con enorme dignidade”. 

Sentimento de ourensanismo

“Blanco Amor foi grande, aínda que a sorte lle sorrise máis ben pouco –afirmou Baltar-. A intolerancia e a incomprensión foron os estigmas do seu vivir, pero non claudicou nunca. Ademais de talento tiña valentía; era un loitador”, caracterizado polo seu sentimento de ourensanismo, que un ourensán nado en Bos Aires, Luís González Tosar, impulsor de tantas e tantas iniciativas blancoamorianas, definiu como Ourensanía”, expresou Manuel Baltar, quen lembrou que desde a súa chegada ao goberno provincial de Ourense impulsou a Fundación que leva o seu nome. “Era unha necesidade, non só para custodiar o seu arquivo -con xoias como os orixinais dos Seis Poemas Galegos de Federico García Lorca-, o seu impresionante legado fotográfico ou a súa biblioteca, senón tamén para completar os estudos e investigacións que merece un autor da súa categoría e dimensión”.

“Por iso, por Ourensanía, estaremos sempre con Blanco Amor –remarcou Baltar-, porque é unha das obrigas do goberno provincial de Ourense, porque don Eduardo soubo ser ourensán dentro e fóra, sempre con orgullo e satisfacción”.

O presidente da Deputación felicitou a Xesús Fraga por acadar o éxito con este premio, “un certame que a Deputación de Ourense acolleu en 2015, cando perigaba a súa continuidade, e que hoxe brilla con esplendor renovado grazas á capacidade do xurado e á calidade da obra de Xesús Fraga, que moi pronto estará editada para deleite dos lectores”, e reiterou que na Ourensanía non caben dúas ou tres velocidades, nin categorías superiores e inferiores; “a defensa da lingua e da cultura propias constitúe para nós un conxunto identitario, por sermos parte activa desta nación cultural, á que chamamos Galicia, á que serviron tantos homes e mulleres desta terra con patriotismo e xenerosidade”, e rematou declarando convocado, “axiña formalizarémolo debidamente, o trixésimo noveno Premio de novela longa Eduardo Blanco Amor”, e con desexo de vermos aquí, no 2020, ano do centenario da revista e da xeración nós”.

Blanco Amor, referente ético e intelectual

Pola súa banda, Xesús Fraga dixo sentirse “agradecido, honrado e con gran responsabilidade” polo que supón recibir este galardón, “ligado a un autor que é un espello no que mirarse e un referente ético e intelectual. É un clásico e segue a ser relevante nas nosas vidas”, expresou. O premiado subliñou ao Blanco Amor emigrante e reivindicou “a riqueza que supón vivir a cabalo de dous mundos” –en referencia aos emigrantes galegos-. “Sempre hai unha historia migratoria nas nosas vidas, e a emigración é un caudal de experiencias”, destacou, salientando a experiencia vivida pola súa familia, plasmada na novela.

O xurado, que elixiu por maioría a obra de Xesús Fraga, destaca que o epicentro narrativo da obra “sitúase nun Londres percorrido polas pegadas familiares e as do colectivo galego emigrante”, salientando que como contrapunto está Venezuela, “a través do avó ausente, do que pouco ou nada se sabe ata o final”. “Resulta salientable –valora o xurado- a relación interxeracional permanente entre o neto e a avoa, unha figura forte que representa a épica das mulleres galegas nun tempo de extremas limitacións”, e tamén destaca “o tratamento da linguaxe e a variedade de rexistros, entre os que non falta a empatía coa actualidade; unha novela para todo tipo de lectores”.

Xesús Fraga, nado en Londres e residente en Betanzos, é licenciado en Ciencias da Información pola Universidade de Salamanca, e traballa como redactor na sección de Cultura de La Voz de Galicia, contando cunha ampla traxectoria no ámbito literario.

En 2014, cando se cumpriron trinta e cinco anos do pasamento de Blanco Amor, a Deputación de Ourense asumiu o compromiso de exaltar a figura deste autor, entre outras accións, coa organización deste premio literario e a creación dunha fundación co nome do escritor, para a difusión e valorización da súa obra. Seguindo cos actos de homenaxe ao autor da Esmorga, o vindeiro luns, 2 de decembro, ás 12.00 horas, terá lugar no cemiterio de San Francisco, en Ourense, o tradicional acto de ofrenda floral na memoria do escritor.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

1 − uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.