Moción do BNG Viveiro para o 25N, Día Internacional Contra a Violencia Machista

Cada 25 de novembro os titulares, os minutos de silencio e as declaracións institucionais lembran a vixencia da violencia machista e do sistema patriarcal

Galiza está dotada dun amplo marco legal que inclúe a violencia sexual como unha forma de violencia machista desde o ano 2007. Porén, o goberno Feijóo non ten feito o esforzo suficiente por desenvolver este marco e por adaptar os recursos a todo tipo de violencia. Así mesmo, cómpre recordar que o Estado español continúa a incumprir o Convenio de Istambul e tamén o propio Pacto de Estado que prometía avanzar nunha definición da violencia machista que supere o enfoque patriarcal e reducionista que a limita ao ámbito familiar e da parella.

A violencia machista exercida contra as mulleres é un problema de primeira orde, contrario aos dereitos humanos e que a escala mundial representa un auténtico xenocidio e diante do que os titulares, minutos de silencio e declaracións institucionais de cada 25 de novembro son insuficientes. Por todo isto, presentamos para ser debatida no vindeiro pleno do 12N o seguinte acordo:

  1. Reclamar ás Administracións correspondentes o cumprimento da moción do BNG aprobada o pasado 30 de abril en sesión plenaria da Deputación de Lugo, onde se acordou o compromiso dun terceiro xulgado para Viveiro, que permitirá dispor dos recursos e espazos necesarios, pois xa existe a cesión de locais anexos que hoxe están inutilizados, que permitirá desconxestionar a Xustiza sendo unha ferramenta imprescindíbel na loita contra a violencia machista, que permita dar unha resposta e protección inmediata ás mulleres vítimas, xa que moitas denuncias quedan no camiño pola dilatación no tempo destas.
  2. Demandar á Xunta de Galiza o incremento dos recursos económicos destinados especificamente a loitar contra a violencia de xénero do proxecto de orzamentos de 2020, de forma que se sitúen como mínimo, no 1% do totale así dotar de suficientes recursos para que se rectifique a liña de incumprimento da Lei 11/2007, do 27 de xullo, galega para a prevención e o tratamento integral da violencia de xénero. Así como tamén, a mellora da atención e prevención da violencia machista e, particularmente, da violencia sexual, adoptando as seguintes medidas:
  3. a)Garantir a gratuidade da atención xurídica ás vítimas de violencia sexual por ser vítimas de violencia machista e impulsar unha campaña específica para informar da existencia deste recurso.
  4. b)Promover un programa específico de formación en materia de violencia sexual para todos os ámbitos profesionais que traballan na prevención e atención da violencia machista (ámbitos sanitarios, policiais, administrativos e xurídicos, educativos, administración local…).
  5. c)Constituír unha mesa de traballo na que se avalíe, xunto cunha representación do ámbito xudicial, policial e forense, a casuística das denuncias en Galiza por agresión sexual, de cara a analizar posíbeis fallos na cadea de atendemento e intervir no seu baixo número.
  6. d)Desenvolver un protocolo específico de atención á violencia sexual, con especial atención ao ámbito xudicial.
  7. e)Impulsar iniciativas no campo da prevención e sensibilización da mocidade, a comezar pola extensión, antes do remate de 2020, a todos os centros de educación secundaria do país de obradoiros específicos sobre o consentimento co obxectivo de contribuír a superar a a preeminencia da pornografía como referente formativo na mocidade galega; así como desenvolver as actuacións necesarias para incorporar contidos coeducativos transversais de superación da dominación sexual en todas as fases educativas.
  8. Demandar do goberno central as seguintes medidas para avanzar no recoñecemento da violencia sexual como violencia machista:
  9. a)Demandar a introdución no marco legal do concepto de consentimento para mellorar a tipificación e tratamento da violación e das agresións sexuais así como a consideración destes delitos como delitos de carácter público.
  10. b)Impulsar a aplicación da directriz do artigo 36 do Convenio de Istambul que estipula que as autoridades deben adoptar todas as medidas necesarias para garantir que o sexo non consentido sexa tratado sempre coma un delito.
  11. c)Modificar a definición estatal de violencia de xénero de acordo co Convenio de Istambul de forma que a violencia sexual sexa recoñecida como tal, como xa fixo a lei galega no ano 2007.
  12. d)Desenvolver as actuacións legais de organización necesarias para que os delitos de violencia sexual sexan instruídos nos xulgados exclusivos de violencia machista e transferir a Galiza os recursos orzamentarios necesarios para esta adaptación.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

2 × 1 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.