O BNG leva a Bruxelas unha delegación para que as denuncias sobre a contaminación da Mina do Touro queden abertas na Eurocámara

Ana Miranda: “O Bloque acadou, a través do grupo Verdes-ALE, que a Comisión de Peticións trate os problemas da megaminería contaminante na súa sesión do vindeiro martes”

Unha delegación integrada por representantes veciñais e sociais que se opoñen á reapertura da Mina de Touro viaxará ao Parlamento Europeo no obxectivo de que a Comisión de Peticións manteña abertas as denuncias que se tratarán na sesión do vindeiro martes. “Igual que conseguimos que a denuncia polo mal estado da ría do Burgo aberta quedase aberta e que unha delegación de eurodeputados a visitase para comprobar a súa contaminación, desde o Bloque queremos que a denuncia sobre a Mina de Touro quede aberta e sexa visitada por unha delegación da Eurocámara para que investigue a contaminación que causa”, subliña a portavoz do BNG en Europa, Ana Miranda.

“O compromiso do BNG coa paralización deste proxecto mineiro, a través do grupo Verdes-ALE, é firme e inequívoco”, subliña Miranda, quen salienta o traballo desenvolvido para que este tema sexa incluído na axenda da Comisión de Peticións do próximo 12 de novembro. Así, a portavoz do Bloque en Europa explica que a delegación que se desprace a Bruxelas manterá unha reunión de traballo coa eurodeputada dos Verdes-ALE Tatjana Ždanoka, vicepresidenta da propia Comisión de Peticións.

Para Ana Miranda é fundamental que os problemas de contaminación que se producen pola megaminería se escoiten en Europa. “Parécenos lamentable que o goberno galego non faga nada ao respecto, tendo en conta que a ampliación da mina orixinal, ademais de xerar contaminación e acumulación de residuos, provoca interferencias negativas con outras actividades económicas da zona”, sinala, en referencia ao prexuízo que terían as pequenas explotacións agrícolas e gandeiras, así como os ríos, os mananciais da zona e a ría de Muros e Noia.

Visita a Galiza

Como seguinte paso, a portavoz do BNG en Europa tamén considera imprescindible que unha misión oficial do Parlamento Europeo visite Galiza para analizar as consecuencias da megaminería contaminante. Ao seu xuízo, esa misión oficial de eurodeputadas e eurodeputados debería coñecer de primeira man a contaminación que se produce na ría de Muros e Noia como consecuencia dos verquidos da mina de San Finx (que foi tratada hai un mes na Comisión de Peticións) e os problemas do río Ulla e os seus afluentes, consecuencia dos verquidos que se producen en Touro, así como outras denuncias en todo o territorio galego, xa que se trata dun “problema sistémico”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

1 × uno =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.