O BNG levará ao vindeiro pleno do Parlamento “o deterioro da Sanidade pública e a grave crise industrial”

Montse Prado denuncia que no mes de outubro, “240 persoas ao día” perderon o seu posto de traballo

A viceportavoz do grupo parlamentario do BNG, Montse Prado anunciou hoxe os debates que centrarán as intervencións do BNG no vindeiro pleno e que forman parte das grandes preocupacións da cidadanía galega: A situación laboral e a situación da  sanidade pública.

Prado lembrou que os datos de desemprego rexistrado no mes de outubro reflicten un aumento de  7.323 persoas  ás que sumou 3.164 do mes de setembro. Para  a deputada  os datos  continúan na senda da EPA do terceiro trimestre e  cun mercado laboral en Galiza “minguante”.

A nacionalista afirmou que “durante o mes de outubro, 240 persoas ao día perderon o seu emprego” e as listas de miles de galegos con precariedade laboral continúan aumentando. O problema, recalcou, “é estrutural”, seguen medrando os contratos a tempo parcial e con escasa remuneración.

Prado insistiu en que é urxente mudar as políticas que consolidan as desigualdades e a figura do “traballador ou traballadora pobre” que non pode desenvolver un proxecto de vida nin de futuro. A situación laboral, recalcou, “é proporcional ao desmantelamento dos sectores produtivos e á  destrución de emprego nos sectores primario, gandeiro e do  mar”.

 A deputada tamén aludiu á “crise industrial xeralizada” que sitúo de  Norte a Sur de Galiza con máis de 6.000 empregos directos en risco”. Desta situación, afirmou, son responsables a Xunta pero tamén as forzas estatais que onte mesmo no debate emitido polas televisións comprobamos como “Galiza e o os seu problemas  non existen”.

O BNG interpelará ao goberno de Feixóo sobre as medidas para crear “emprego digno”, potenciar os sectores produtivos e frear a sangría da emigración. A Xunta, debe abandonar a súa postura de “aparencia, inacción e indolencia” e poñerse a traballar para dar resposta ás demandas dos galegos e galegas que non chegan a fin de mes. “Feixóo  debe de preocuparse menos  por facer oposición ao  goberno central e exercer as súas responsabilidades para reclamar as competencias que nos corresponden” porque en  dez anos de goberno Feixóo, as competencias foron  “cero”.

A Xunta conduce á Sanidade pública ao precipicio

Noutra orde de cousas, tras a Xunta de portavoces, a deputada do BNG, Montse Prado tamén aludiu ao deterioro da sanidade pública  despois de continuos recortes e privatizacións do Partido popular durante os últimos anos. Feixóo, lonxe de rectificar, persiste en manter un “relato fraudulento” dunha  realidade que xa non pode seguir ocultando como a morte dun veciño de Dozón falecido pola tardanza de máis de 45 minutos dunha ambulancia.

Prado criticou que Feixóo anunciara unha nova ambulancia para Lalín, cando en realidade é unha ambulancia de apoio  incluída nos pregos de adxudicación polo que o BNG presenta unha proposición non de lei para dotar dunha ambulancia medicalizada, “real” para a comarca do Deza.

Ademais o BNG tamén preguntará ao goberno  pola anulación de “1.200 consultas de pediatría na provincia de Ourense” e que se suma ao desmantelamento de cirurxía pediátrica obrigando aos nenos e nenas a seguir a atención na cidade de Vigo.

O BNG tamén preguntará pola utilización da  casa de apostas no concello de Redondela e  a garantía para que o  trazado e conexións da Vía  Ártabra sexa libre de peaxes.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

5 × cuatro =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.