O BNG pide que a conexión da vía Ártabra coa a AP-9 non siga o trazado pola Gándara e sexa libre de peaxes

Xosé Luís Rivas pediu paralizar as obras para que o trazado recupere a “lóxica, e respecte o medio ambiente, non afecte a vivendas nin a actividade económica pola imposición de peaxes”

O deputado do BNG, Xosé Luís Rivas defendeu unha proposición non de lei para reclamar que a “conexión da vía Ártabra coa AP-9 non siga o trazado pola Gándara e sexa libre de peaxes”.

O parlamentario reclamou “paralizar as obras” para que o trazado recupere “a lóxica, o respecto ao medio ambiente, non afecte ás vivendas nin a actividade económica pola imposición de peaxes”.

Na súa intervención, lembrou que no ano 2009, a Xunta de Galicia  acordou a  aprobación definitiva do proxecto do trazado, sen atender ás alegacións nin o documento coas determinacións descritas  no Plan Sectorial Viario. A escusa, naquel momento, explicou Rivas,  foi  que “Fomento non permite a conexión libre de peaxe”. No mes de maio, o concello de Cambre presentou un recurso de reposición que a día de hoxe continua sen resposta, “dez anos despois”.

Despois da presentación de diversas mocións, iniciativas parlamentarias e acordos dos alcaldes da área metropolitana, a finais do de mes de febreiro do ano 2019 foron presentadas oficialmente as obras do novo tramo da Vía Ártabra.

Tras ser licitado  o tramo, entre a Nacional VI e a AP-9 por  40 millóns de euros e cun prazo de execución de 36 meses, a presentación de ofertas finalizou o 1 de abril dando comezo as obras no verán.

O goberno Galego, engadiu o deputado, decidiu realizar o trazado en dúas fases: Un tramo entre a N-VI e a AC-221 de 3kms máis o enlace co polígono do Espírito Santo de 1km e outro modificado entre a   AC-221 e a AP-9, á espera da autorización do Ministerio de Fomento.

A primeira fase xa licitada e executándose, a segunda fase, o tramo da Gándara, sen licitar pero con máquinas traballando, facendo “talas, desbroces e traballos múltiples” aínda sen licitar e sen o debido permiso de Fomento nin acordo preceptivo con AUDASA”.

Para o nacionalista, o Goberno Galego está actuando de “maneira irregular” e de maneira contraria aos intereses dos cidadáns. O trazado proposto polo concello de Cambre e defendido polos veciños, afirmou,  é “máis curto, só afecta a tres vivendas e non destrúe espazos naturais”. O que propón o goberno Galego implica o derrube de 44 casas , é mais longo e dana gravemente as gándaras da Gándara.

O parlamentario preguntou porqué o Goberno Galego aposta por un trazado amplamente rexeitado pola veciñanza e cunha segunda fase que non conta co permiso de Fomento nin acordo con AUDASA, polo menos de maneira visible aínda que moito nos tememos, dixo, que o “tal acordo xa existe coa concesionaria da AP-9”.

Xosé Luís Rivas acusou á Xunta de non articular a mobilidade da Área Metropolitana da Coruña e de “ amasada e estraña  confraternidade con AUDASA”. Sen permiso de Fomento, sen acordo público con AUDASA, “de xeito indecente”, vostedes  van levar adiante unha modificación “ilóxica e lesiva do proxecto”.

É se Fomento no dá permiso? É se Audasa non acorda? Os diñeiros investidos nun tramo morto que os vai repoñer?, concluíu.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

20 − 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.