O Concello de Ponteceso xestiona o apoio da Deputación da Coruña para a construción dun auditorio con 400 localidades no Edificio das Escolas

Os deputados Xurxo Couto e Xosé Lois Penas visitaron o edificio acompañados polo alcalde, membros do goberno municipal e o arquitecto que redactou o proxecto

O Concello de Ponteceso está a xestionar os apoios económicos precisos para poder acometer o importante proxecto de reforma do Edificio das Escolas, que albergará un ximnasio e un auditorio con capacidade para 400 persoas. A colaboración da Deputación Provincial da Coruña semella máis próxima tras a visita que realizaron esta semana ao noso concello os deputados das áreas de Cultura e Patrimonio e Contratación, Xurxo Couto e Xosé Lois Penas, respectivamente.

Os deputados do grupo nacionalista visitaron O Couto, onde compartiron un café na sede da Fundación Eduardo Pondal cunha parte do padroado, encabezado por José María Varela, e a directiva da Asociación Cultural Monte Branco, que lles expuxeron os interesantes proxectos de dinamización cultural e social nos que están a traballar.

De seguido, acompañados polo alcalde, varios membros do goberno municipal e o arquitecto que redactou o proxecto de reforma, achegáronse ata o Edificio das Escolas, onde puideron comprobar a intensa actividade que acolle. Xurxo Couto e Xosé Lois Penas amosaron boa disposición a apoiar un proxecto moi necesario para dotar de servizos culturais e deportivos á zona escolar, pero tamén a todo o concello e mesmo á comarca, xa que temos un instituto de educación secundaria de referencia comarcal e porque a reforma convertería Ponteceso nun punto de referencia na prestación de servizos e actividades culturais e deportivas.

O ximnasio no que estamos a traballar permitiría poñer en marcha sesións de spinning, musculación, fitness ou clases dirixidas de todo tipo, ademais de acoller as actividades de kickboxing e judo que se levan a cabo agora no primeiro andar. Os deputados visitaron todo o edificio. Na planta baixa, o goberno amosoulles a aula da Escola de Danza e a de música, ademais de ofrecer explicacións sobre todas as actividades que se levan a cabo nela. E xa na parte alta comprobaron in situ, cos planos na man, cal é o concepto do auditorio, que contaríacon 400 prazas incorporando toda a planta alta do edificio.

A intención do Concello de Ponteceso, tal como explicou o alcalde, Xosé Lois García Carballido, é que o proxecto de reforma do Edificio das Escolas sexa financiado a partes iguais entre o Concello, a Deputación e a Xunta, á que tamén se lle presentará a correspondente petición.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

diecinueve − 9 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.