O Concello de Triacastela acorda en Pleno a súa adhesión ao Pacto de Alcaldes polo Clima e a Enerxía

O Pleno do Concello de Triacastela aprobou onte por unanimidade a súa adhesión ao Pacto de Alcaldes Polo Clima e a Enerxía, o maior movemento mundial de autoridades para loitar contra o cambio climático. A alcaldesa, Olga Iglesias, participou esta mesma semana en Sober na reunión de presentación e seguimento do Pacto, á que asistiron 50 mandatarios locais.

A adhesión implica asumir os obxectivos adoptados pola Unión Europea para frear o cambio climático, adoptando as medidas necesarias para reducir, de aquí ao 2030, un 27% do consumo enerxético e un 40% as emisións de CO2, ao tempo que se aumenta un 27% o emprego de enerxías renovables.

Ademais, supón a adopción de medidas de adaptación fronte aos riscos e vulnerabilidades aparelladas ao cambio climático, como son as secas, a elevación do nivel do mar, ou unha maior frecuencia dos episodios de temperaturas extremas e chuvias torrenciais.

Plan de acción

Unha vez aprobada a adhesión ao Pacto, cada concello debe elaborar e presentar un plan de acción que garanta o cumprimento destes obxectivos no ano 2030.

O plan de acción polo Clima e a Enerxía Sostible inclúe medidas para o freo do cambio climático, consistentes na redución de consumos enerxéticos e a substitución de enerxías fósiles por renovables, reducindo así a pegada de carbono do municipio. Estas medidas aplicaranse sobre edificios, instalacións, equipamentos e o transporte, tanto público como privado, e nos ciclos de tratamento de augas residuais e dos residuos sólidos urbanos.

Para acompañar tanto a elaboración do plan de acción como da súa implementación, o Concello contará co apoio da oficina técnica do Pacto dos Alcaldes, posta a disposición dos concellos galegos pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e Cambio Climático da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Esta oficina, a través do Centro de Asistencia aos Concellos e do Observatorio de Fondos e Convocatorias, realizará un asesoramento personalizado ao Concello de Triacastela, tanto na elaboración do plan de acción como na súa implementación.

157 concellos de Galicia forman parte

O Pacto foi lanzado en Europa no ano 2008, e implica xa a case 8.000 autoridades locais pertencentes a 57 países de todo o mundo. En Galicia está coordinado pola Xunta, a través da Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. Ata o de agora téñense sumado 157 concellos galegos.

Ademais, coa adhesión ao Pacto, o Concello de Triacastela contribúe á consecución da Axenda 2030, un chamamento universal desenvolvido polas Nación Unidas para acadar un mundo máis xusto e sustentable. Esta folla de ruta concrétase en 17 Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable (ODS) e mediante esta iniciativa póñense en práctica de xeito máis directo o ODS 13, Acción polo Clima, e o ODS 17, Alianzas para acadar os Obxectivos de Desenvolvemento Sustentable.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

19 − seis =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.