Ollada á Terra Cha. Por Xosé Edrosa Leal 

Gonzalo Soto. Onte  dende 21 NOTICIAS  dábamos a coñecer  a nova  de que unha comisión de afectados pola mina de Touro, entre os que figuraba tamén un representante das asociacións veciñais que se opoñen ao proxecto mineiro de Erimsa na Terra Cha luguesa, visitaban o   Parlamento Europeo ao obxecto de poñer en coñecemento desta institución os graves efectos que causarían algúns dos proxectos que se pretenden levar a termo na Comunidade Autónoma Galega, entre eles os citados. Un asunto que está en plena actualidade, ao que este xornal  lle está a conceder a importancia do que é merecente, xa que está en xogo o noso patrimonio natural, principal atractivo identitario desta terra  e,  por enriba, cómpre ter en conta que este tipo de proxectos achegan a este país máis pobreza que riqueza.

Neste senso, hoxe o xornal  lucense“ El Progreso”,  no seu especial da Chaira publica un fermoso e interesante artigo “ Ollando á Terra Cha”  do que é autor Xosé Edrosa Leal, presidente do Ateneo Galeguista, entidade moi activa e que forma parte da Plataforma de Asociacións que se opoñen ao citado proxecto de extracción de seixo que afectaría preto de seis mil hectáreas, nunha zona agrogandeira das máis produtivas de Galicia, e que pola súa elevada dimensión, unida ás condicións intrínsecas do solo, tería unha incidencia depresiva no potencial produtivo e medioambiental da zona.

Xosé Edrosa, preocupado polo devir desta comarca e de Galicia no seu conxunto, é autor dun importante traballo “ A Minería e a Ordenación do Territorio en Galicia “, publicado por este mesmo grupo de información en maio de 2014, no que se abordan os principais impactos e incidencias dalgúns proxectos  mineiros sobre o noso territorio, así como un riguroso análise que  atinxe á lexislación  urbanística e ordenación do territorio deste país. Cómpre salientar a repercusión deste traballo, non só a nivel de Galicia, senón tamén fóra das nosas fronteiras, especialmente nalgunhas zonas de Latinoamérica moi sensibilizadas cos abusos de moitos proxectos mineiros localizados nesta parte do mundo.

ARTIGO PUBLICADO HOXE NO XORNAL “El Progreso”

OLLADA Á TERRA CHA

Xosé Edrosa Leal 

Presidente do Ateneo Galeguista Terra Cha

Ollada á Terra Chá dende as outuras é semellante a un mar en calma. Para medila só valen dúas mensuras: ferrados de corazón, fanegas de alma! Asi vía e sentía o noso poeta Manuel María a Terra Cha. Agardamos que aquela visión súa non fora unha premonición que se converta en realidade. Mais aquela fonda expresión de amor a esta terra nosa debe formar parte do legado que os chairegos e chairegas debemos conservar e transmitirllo ás xeracións futuras.

 O compromiso na defensa dese legado foi renovado o outro día polos alcaldes e as asociacións da chaira ao berro “ xuntos pola defensa dos nosos valores “. Así o faciamos e sentiamos a carón da lagoa de Cospeito,  acompañados pola fermosa sinfonía de fondo  do rechouchío dos paxaros que alí se acubillan.

 Hoxe máis cá nunca, a Terra Cha pídenos axuda e protección ás veciñas e veciños e a todas as xentes de ben, pois a codicia quer arrincarlle os tesouros que garda dende fai milleiros de anos no fondo das súas entrañas, para levalos para lonxe. Eses tesouros son dela e nosos como usufrutuarios, que non donos, por iso temos que conservalos para transmitirllo aos nosas fillas e fillos, para que eles lle lo fagan aos seus, e así sucesivamente, tal como o teñen feito os nosos antergos.

 Ese tesouro é o seixo, o que segundo os estudosos como Brell e Doval, entre outros, témolo depositado dende o terciario da era xeolóxica; e tamén nos teñen dito outros expertos que debeu baixar  roulando dende o alto da Serra de Meira e, se cadra, tamén da Corda e das outras montañas que  rodean a chaira. Os seus fragmentos modelados pola erosión fóronse depositando en franxas a carón dos nosos ríos e regatos, conformando as amplas zonas de aluviais, un filtro necesario para a calidade das nosas augas. Sabedoría da natureza!

Lembro cando outrora nos achegamos ata as Universidades de Santiago e de A Coruña a pedirlles axuda a algún dos sabios daqueles templos do saber, para poder defender con rigor e criterio científico os valores dos nosos solos, daquela en perigo e agora, tamén. Atopamos resposta xenerosa e gañas de axudar, demostrando con elo o compromiso das altas institucións académicas cos valores da terra, unha fonte limpa na que podemos mirarnos e confiarlles os nosos tesouros máis prezados. Sempre lles estaremos agradecidos!

Naquelas conversas e nos informes posteriores, prevíronnos dos riscos que suporía arrincarlle o seixo á terra, afectándolle de xeito irreversible á súa calidade, baixando o nivel do chan co conseguinte risco de asolagamento. O mar do que nos falaba o poeta chairego.

As augas, ai, as augas! A súa contaminación e calidade vai ser outro factor que debemos valorar moi seriamente, pois unha vez eliminados os seus filtros naturais, feito que vai redundar na flora e na fauna dos ríos, cousa que van notar especialmente os nosos pescadores que van voltar aos seus fogares co cesto baleiro e coa frustración dun día perdido.

A excavación que contempla a actividade extractiva que se pretende vai ter efectos de depresión no freático, non soamente na zona de labor, senón tamén nun amplo perímetro ao redor da zona de explotación, con graves efectos para o cultivo e a masa arbórea.

Por iso estamos preocupados algúns chairegos e chairegas, e debería preocuparse e manifestarse máis xente, logo non serven os laios.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

1 + doce =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.