Onde a choiva é arte. Por @DulceCorcu

A ver quen non lembra orgullosamente a letra dos Siniestro Total no seu tema “Miña terra galega”, na que chover era un distintivo máis do noso país, algo reseñable e admirable, igual que o gris permanente do ceo. Cousas nunca cuestionadas, nin sequera polo alcalde de Vigo Abel Caballero, que é agora quen dicta as modas e acontecementos de interese en Galicia, e a quen non se lle escoitou aínda ameaza algunha contra o elemento natural que mana ininterrupidamente sobre rúas e montes, ríos e mares e, sobre todo, por enriba das nosas cabezas.

Despois de varios outonos nada “típicos” para o que aquí era habitual, secos e con temperaturas en novembro propias de xuño, este 2019 volve ás orixes, difuminando estacións e convertendo en inverno eses meses que teóricamente deberan ser de transición antes do frío, das cotas de neve e da choiva. Mal acostumados a ese amago de clima mediterráneo, laiarse de que chova cada día é xa un deporte máis que exercitar durante boa parte do día. A choiva, algo tan natural para os galegos, acapara conversas e convirte en furioso o carácter do máis pacífico dos paisanos, que deixarían nun conto de fadas aquela maldición de Scarlett O´Hara cando poñía a deus por testigo das súas calamidades.
Din os pluviómetros que este novembro está a ser o máis chuvioso dos últimos dez anos. Quizais non sexa algo para presumir, pero esa estampa de fervenzas desbordando auga, ríos que duplican o seu ancho e as rúas baleiras son un espectáculo digno de verse, en contraste con eses centros comerciais ateigados de xente, rebosantes de recargadas decoracións nadaleñas que fan recuar nada máis abrirse as portas, deslumbrados por unha iluminación coa que nin o mesmísimo sol podería competir. Normal que se agoche ata que tanto artificio deixe de facerlle a competencia. Que haxa tantas formas de nomear a choiva na nosa língua non pode ser casualidade: orballo, poalla, nevisca, sarabiada, auganeve, chuvasco, dioivo….e así ata cen. Asi que se chove….que chova!

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

5 × 1 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.