Os traballadores, contra o desmantelamento da @crtvg

Xan Xove expuxo no Parlamento o informe elaborado polo persoal da CRTVG, que apunta cara un desmantelamento deliberado da mesma

Coincidindo co octoxésimo Venres Negro de Defende a Galega, Xan Xove levou á Comisión de Control da CRTVG o informe elaborado polos traballadores e traballadoras da Radio Galega, no que amosan como a Compañía está a desmantelar deliberadamente a emisora pública a través dunha deterioración das condicións laborais, que comprometen a calidade do servizo.

Neste Venres Negro, as traballadoras lembran que se cumpren nove anos do peche das delegacións locais da Mariña, Ferrol e Pontevedra. A progresiva desaparición da información local e a falta de medios e técnicos de son nas delegacións locais son algunhas das cuestións que, precisamente, constan neste informe dos traballadores da Radio Galega. “A Radio Galega non ten que rexerse polos números de audiencia como fan as emisoras privadas, porque é un medio público, e ten que dar cobertura precisamente a contidos que non teñen cabida nas radios xeralistas comerciais”, apuntou Xan Xove. Lembroulle tamén ao director xeral da CRTVG que a garantía de plena cobertura no conxunto do territorio é precisamente un dos criterios que teñen que rexer os contidos da Radio Galega, segundo a Lei de Medios Públicos, xunto a outros como a promoción e difusión da cultura galega; a potenciación da produción audiovisual propia; o reflexo do pluralismo ideolóxico, político, cultural e social de Galicia, e a obxectividade, imparcialidade e neutralidade informativas.

O deputado do Grupo Común da Esquerda tamén expuxo varias denuncias recollidas no informe no respectivo ás condicións laborais na sección de Deportes: “recórrese de xeito excesivo a colaboradores en detrimento do persoal fixo, non se respectan as doce horas de descanso entre xornadas laborais, sobre todo cando hai desprazamentos, e non se están a cubrir as prazas de persoal xubilado e prexubilado”, resumiu. Enumerou tamén algunhas das denuncias da sección de Informativos, entre as que están a organización caótica do departamento, o privilexio á información política que provén de fóra de Galicia ou o tratamento favorable cara o PPdeG nos informativos.

“O informe tamén denuncia que gran parte do contido emitido no verán era enlatado, pero non gravado especificamente para esas emisións durante o verán, senón pregravado e reutilizado, coa conseguinte mingua de calidade que isto supón”, apuntou tamén Xan Xove. “Hai moitas máis cuestións que mencionar, case é difícil recollelas todas: o software está totalmente obsoleto, pasouse da organización en equipos a unha organización xerárquica e individualizada, estase a prescindir de xente en determinados programas…”, enumerou. “Unímonos tamén á denuncia do peche do diario cultural, para ser substituído por diversos contedores culturais sen ningunha personalidade”, engadiu.

Finalmente, o deputado instou a Sánchez Izquierdo e ao conxunto da dirección da CRTVG a “escoitar as reivindicacións dos traballadores, porque teñen a intención de mellorar a calidade dos contidos da Radio Galega” e a “corrixir as eivas sinaladas, recuperar a información de proximidade, respectar as doce horas de descanso entre xornadas e cubrir as prazas de xubilados e prexubilados”.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

doce − 5 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.