“Producimos unha cantidade de plástico perversa, estamos na era do plasticeno”

A investigadora viguesa Débora Iglesias visita o CEIDA para presentar a súa recente obra publicada en World Scientific, ‘The Future Marine Life in a Changing Ocean’. A científica galega intenta responder a preguntas cruciais no contexto actual de cambio climático e a súa incidencia directa nos océanos  

Os desafíos aos que se enfrontan os nosos océanos e os efectos que neles producen as actividades humanas será o tema que abordará a oceanógrafa viguesa e catedrática da Universidade de California, Débora Iglesias, na súa visita ao CEIDA, que terá lugar o vindeiro luns, 2 de decembro, dentro da programación de actividades da entidade deste fin de ano.

A investigadora, referente internacional no estudo da diversidade e a función do fitoplancton mariño, visitará o centro de referencia para a Educación Ambiental en Galicia para presentar o seu recente libro, ‘The Future of Marine Life in a Changing Ocean’, no que resume tres décadas de coñecemento sobre o medio mariño, coas súas ameazas, variacións na diversidade dos ecosistemas e, incluso, unha análise do custo do cambio climático na seguridade alimentaria.

 A investigación da científica galega e do seu equipo intenta responder a preguntas cruciais nun contexto de cambio climático e a súa incidencia directa nos ecosistemas mariños. Cambios recentes na química mariña como a acidificación dos océanos, a diminución dos niveis de osíxeno, o quentamento dos océanos ou a contaminación mariña, son algúns exemplos de cambios na diversidade destes ecosistemas, abordados na obra de Débora. O libro proporciona unha base científica para estudar este cambio ambiental, así como un marco científico para abordar políticas, leis mariñas e a economía do cambio climático.

O encontro-coloquio terá lugar o luns, 2 de decembro, ás 12 horas, no Salón de Actos do Castelo de Santa Cruz, no Concello de Oleiros. A entrada é libre ata completar aforo, máis a entidade agradece a confirmación de asistencia no correo formacion@ceida.org ou no teléfono 981 630 618.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

veinte − 18 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.