Ruta escolar polos Ancares

Trinta e seis escolares do Centro Público Integrado de Cervantes participarán este venres nunha actividade didáctica na coñecerán mellor a riqueza micolóxica dos Ancares. Trátase dunha das actuacións programadas no marco da colaboración da Deputación coa USC para promover o micoturismo no xeodestino Ancares-Courel.

A xornada comezará ás 10:00 horas cunha charla na que as nenas e nenos de Cervantes, con idades comprendidas entre os 5 e os 14 anos terán a oportunidade de iniciarse no mundo dos cogomelos. A continuación, ás 11:00 horas, sairán ao campo para buscar, observar e estudar os cogomelos nos seus hábitats. Esta xornada didáctica rematará na escola coa montaxe dunha pequena exposición cos exemplares recollidos no entorno dos Ancares e na cal, as nais e pais, profesorado e alumnado terán ocasión de aprender máis sobre micoloxía.

VII Xornadas Micolóxicas no Courel

As actividades de micoloxía programadas neste proxecto de colaboración da Deputación e a USC para impulsar o micoturismo nos espazos naturais da provincia de Lugo continuarán o vindeiro sábado 16 de novembro, na localidade de Seoane, coas VII Xornadas Micolóxicas no Courel, abertas a todo o público.

Os 50 participantes desta actividade de micoturismo achegaranse ao mundo dos cogomelos da man de varios expertos. Xunto ao veterinario e investigador da USC e tamén presidente da Sociedade Micoloxía Lucus, Julio Alonso Díaz, e o biólogo da empresa de ecoturismo Pía Paxaro, Marcos Reinoso, sairán en grupos, ás 10:00 horas, nunha ruta polos bosques do Courel para coñecer a riqueza micolóxica destas montañas. Ás 16.30 horas os grupos reuniranse nunha charla explicativa onde poderán consultar as especies recollidas e coñecer a gran diversidade medioambiental da provincia.

 

 

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

trece + 17 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.