Lembranza a Blanco Amor no cemiterio de San Francisco

O cemiterio de San Francisco en Ourense foi escenario, un ano máis, da homenaxe ao escritor ourensán Eduardo Blanco Amor, con motivo do 40 aniversario do seu pasamento. Unha xornada de lembranza, a décimo  sétima, que contou coa presenza do vicepresidente da Deputación de Ourense, Rosendo Fernandez; o presidente do PEN Galicia, Luis González Tosar; o director xeral de Cultura, Anxo Lorenzo; Manuel Álvarez Fernández, concelleiro de Servizos Xerais do Concello de Ourense; alumnos do IES Blanco Amor; o promotor do acto, que fora director deste centro educativo, José Luis Díaz, así como representantes do ámbito cultural.

 Nesta cita de homenaxe ao creador de A Esmorga,  Rosendo Fernández afirmou “que se alguén levou a ourensanía polo mundo adiante, ese foi Blanco Amor”, cualificando como “indisoluble a relación do autor que inmortalizou a Auria coa Deputación de Ourense”, institución comprometida coa reivindicación da súa figura a través da custodia da súa biblioteca e do premio de novela longa que leva o seu nome, que na súa XXXVIII edición galardoou ao xornalista e escritor Xesús Fraga pola súa obra Virtudes (e misterios).

 Luis González Tosar, en representación da Fundación Blanco Amor, quixo significar que non se trataba dun simple acto de lembranza a un escritor máis, “senón de recuperar o espírito dun cidadán exemplar comprometido coa realidade política, social e cultural, con Galicia, coa democracia e a liberdade”.

 Os alumnos do IES Blanco Amor, ademais de recitar un dos seus poemas, deron lectura a unha carta dirixida ao escritor na que lle contaban, desde diversos ámbitos, a realidade de Ourense na actualidade en comparación co ano de seu pasamento.

A homenaxe rematou cunha ofrenda floral, acto que no seu día promoveu José Luis Díaz, antigo director do instituto que leva o nome do insigne escritor.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

catorce + nueve =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.