A Real Academia Galega abre o Ano Ricardo Carballo (Carvalho) Calero

A institución ofrece na súa páxina web un espazo dedicado ao protagonista do vindeiro Día das Letras Galegas

O vindeiro 17 de maio a Real Academia Galega celebrará o Día das Letras Galegas que lle dedicará a Ricardo Carballo [Carvalho] Calero en Ferrol, a cidade onde naceu, pero o ano dedicado á súa figura e ao seu legado xa botou a andar na web da institución, academia.gal. O presidente da RAG, Víctor F. Freixanes, abriuno a semana pasada cunha tribuna dedicada a quen é “un dos intelectuais máis sobranceiros da Galicia contemporánea, crónica viva do galeguismo dende os anos do Seminario de Estudos Galegos”, e dende hoxe tamén está dispoñible en academia.gal, o espazo biográfico dedicado ao homenaxeado. O académico de número e secretario da institución, Henrique Monteagudo, asina a sección dedicada a quen é “unha das personalidades máis importantes da cultura galega do século XX, en especial pola súa contribución ao estudo da literatura galega, polo maxisterio que exerceu como primeiro profesor e catedrático universitario de Lingüística e Literatura Galegas e pola influencia que atinxiron as súas ideas sobre o idioma galego”. “A defensa e ilustración da lingua galega son móbiles centrais da ideoloxía, da obra e do compromiso público do autor”, resume o biógrafo.

A sección dedicada a Ricardo Carballo Calero, dispoñible en https://academia.gal/letras-actual, completarase con novas, reportaxes, entrevistas e artigos que se publicarán ao longo dos vindeiros meses na web da RAG arredor do protagonista. Tamén na Rede, a Academia activará no mes de febreiro a nova edición do proxecto Primavera das Letras, con contidos lúdicos e didácticos para achegar a súa personalidade ao alumnado de infantil e primaria.

A celebración do Ano Carballo Calero continuará á volta do verán cun simposio que permitirá afondar dende a perspectiva académica en distintos aspectos da súa obra e do tempo histórico que lle tocou vivir. A comisión executiva da Real Academia Galega conversou sobre estas e outras iniciativas previstas ao longo de 2020 para divulgar o legado do homenaxeado coa súa filla María Victoria Carballo Calero, nunha xuntanza mantida o pasado venres na sede da institución, na rúa Tabernas da Coruña.

Unha obra ampla, diversa e rica

A traxectoria vital de Ricardo Carballo Calero (Ferrol, 1910 – Santiago de Compostela, 1990) está fondamente vencellada á historia do galeguismo no pasado século XX: foi na mocidade membro do Seminario de Estudos Galegos e colaborador da revista Nós, participou na redacción do Estatuto de Autonomía de 1936 e, xa no exilio interior, implicouse activamente nas estratexias de recuperación do idioma propio. “A súa lealdade ao galeguismo, o seu amor pola liberdade, a inspiración dos mestres e o apoio dos seus compañeiros de xeración permitíronlle resistir e avanzar superando atrancos de todo tipo, e a contracorrente dun ambiente político, cultural e social opresivo e miserento. A enerxía da súa paixón polo estudo, a potencia do seu estro creativo e unha entrega incondicional e sacrificada ás tarefas que asumiu permitíronlle desenvolver unha ampla e densa, ao tempo que diversa e rica, obra académica, literaria, didáctica e divulgativa”, retrata Henrique Monteagudo.

Na súa extensa produción destacan os seus estudos sobre a literatura, que con frecuencia atravesan as fronteiras entre os xéneros didáctico e ensaístico. Entre as súas contribucións á historiografía literaria sobresae o ambicioso esforzo de sistematización das nosas letras plasmado na  Historia da literatura galega contemporánea (1963), obra fundacional dos estudos literarios galegos. Carballo Calero é ademais autor da Gramática elemental del gallego común (Galaxia, 1966), manual de referencia para as primeiras xeracións de estudantes de lingua galega e que atinxiu unha gran difusión, ata chegar ás sete edicións. Na segunda metade da década dos 70, Carballo Calero muda a súa concepción das relacións entre o galego e o portugués. Dende ese momento, pasa a defender unha ortografía próxima á portuguesa e o portugués como referencia fundamental do galego estándar, e convértese no principal inspirador do reintegracionismo. A partir desas datas comeza a asinar como Ricardo Carvalho Calero.

Comparte:

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

19 − once =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.