Canadá non quere ser princesa. @Por @DulceCorcu

Como a raíña daquela canción de Joaquín Sabina, os cidadáns canadienses tampouco andan moito pola laboura de seguir vivindo baixo o paraugas dunha principesca monarquía, a do Reino Unido, que traspasa mares e continentes para ser, de facto, Isabel II soberana do país canadiense, representada por un gobernador xeral que designa o Primeiro Ministro e que, coma Felipe VI en España, fai que ten importancia en procesos electorais nos que dalgún xeito exerce de árbitro, pero sempre sen pasar polas urnas, que iso de “royal” non ten nada. En resumo, cousas de reises e raíñas nun século XXI onde cada vez están máis fóra de lugar, decadentes e arcaicos nas súas tradicións e, principalmente, caros para calquera Estado, que por forza ha de ocuparse dos seus gastos e dos das súas familias. E iso é algo que acaban de preguntarlle aos canadienses, toda vez que os Duques de Sussex, Harry de Inglaterra e Meghan Markle, están pensando en mudar de aires -e de patrocinador-, e fálase de que sería Canadá o elixido coma novo lugar de residencia. 

Sen ser unha decisión firme nin oficial, a enquisa á cidadanía canadiense foi bastante elocuente: máis do setenta por cento do país non quere ser financiador dos señores duques, nin ten interese en que residan alí se iso hai que pagalo do seu peto. É máis, unha gran parte tampouco quere ser súbdito de realeza ningunha, e consideran que a Casa Windsor cada vez é menos relevante no devir das súas cotidiás vidas. Harry e Meghan cansaron de xogar ós príncipes encantados, de ter que facer algo para gañarse a asignación real como figurar en actos oficiais, expoñerse á opinión pública, poñer boa cara aínda que queiras esganar a quen teñas diante ou, sinxelamente, estar ao servizo do que despoña a súa maxestade. El e ela, xoves, mundanos e nesa etapa da vida onde parece que podes comer o mundo porque calquer outro tipo de fame xa a tes máis que cuberta, queren vivir como as parellas do seu tempo: libres e do seu traballo alén a Coroa. E parece que ninguén llo impide, pero o seu estatus require  duns gastos extras que tampouco ven necesario ter que desembolsar eles, véxase residencia, escoltas ou renunciar á propina que sae do título que ostentan. Tampouco nos imos pasar de independentes. Nin de austeros, porque a casiña onde veñen de pasar as vacacións en Vancouver está valorada en catorce millóns de dólares, mentres a súa seguridade supera o millón e medio. Non fai falla ser canadiense para entender que se o casado casa quere, que a paguen eles. E se queren ser príncipe e príncesa, que fichen por Disney. Bueno, en realidade parece que isto é algo que xa fixeron. Son os tempos modernos das monarquías, aínda que pareza todo un oxímoron.

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

16 − diez =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.