A USC percorrerá máis de 40.000 quilómetros para promover a captación de alumnado internacional

O itinerario, a través de tres continentes, comprende países como Marrocos, Brasil, Colombia, Ecuador, Perú, Canadá ou Xapón

Durante este semestre, a USC percorrerá máis de 40.000 quilómetros para asistir a sete feiras de alumnado en tres continentes. No itinerario, que comprende diferentes latitudes como Marrocos, Colombia, Ecuador, Perú, Canadá, Brasil ou Xapón, a institución compostelá levará a estes países a súa oferta académica de grao, máster e posgrao.

O índice de satisfacción do alumnado estranxeiro na USC é moi alto, xa que o 90% afirman que repetiría a súa experiencia, segundo un estudo realizado polo Servizo de Relacións Exteriores no 2018. Esta mesma enquisa puxo de manifesto que o alumnado internacional é un importante prescritor da USC cando regresa á súa universidade de orixe. Un 40% dos novos estudantes decántase pola institución compostelá en base á experiencia positiva de antigos alumnos.

A ampla oferta académica en diferentes áreas de coñecemento, a tradición da institución compostelá, a oferta de servizos culturais e deportivos ou a experiencia de estudar e vivir nos campus de Lugo e Santiago, dúas cidades declaradas Patrimonio da Humanidade pola UNESCO, son algúns dos factores que fan que o alumnado estranxeiro se decante pola USC. Por outra banda, a calidade de vida, o custe de vida e a posibilidade de mobilidade para visitar outras cidades no ámbito estatal ou internacional xogan tamén un papel importante.

Campaña de captación

A campaña de captación internacional deu comezo a principios de febreiro na cuarta edición da `Feira Estudiar en España´, celebrada en Marrocos e organizada polo Servizo Español de Internacionalización da Educación (SEPIE). Anne Forryan, xefa do Servizo de Relacións Exteriores da USC, presentou a USC nas cidades de Marrakech, Casablanca e Rabat.

No mes de marzo a USC asistirá á Feira APAIE, que este ano se celebra en Vancouver (Canadá) e a Europosgrados Brasil nas cidades de São Paulo e Rio de Xaneiro. En abril o percorrido continuará por Colombia, Ecuador e Perú (con eventos de captación de alumnado celebrados nas respectivas capitais destes países). A campaña deste primeiro semestre finalizará coa visita a Xapón, concretamente ás cidades de Tokio e Kioto, durante o mes de maio.

A captación de alumnado é un dos labores fundamentais do Servizo de Relacións Exteriores e constitúe case un imperativo na actualidade dado o contexto demográfico galego e a conxuntura económica actual. Este labor execútase coa presenza da USC nas feiras internacionais de `networking´ e de captación de alumnado de grao e posgrao máis relevantes do sector. “A USC recibe cada curso académico máis de 1.100 alumnos internacionais e queremos que esta cifra siga medrando. Hai zonas máis consolidadas, como é o caso de Iberoamérica, e logo hai rexións ás que se acude con carácter prospectivo”, explica o vicerreitor de Estudantes e Internacionalización, Víctor Arce. “Neste contexto, nos últimos anos a institución compostelá estivo presente en China, Rusia, Corea, Malasia, Myanmar (antiga Birmania) ou Xapón”, engade.

Xanela única de atención ao alumnado

Coa finalidade de reforzar a captación no estranxeiro, no ano 2017 púxose en marcha o Centro de Benvida Internacional. Trátase dunha xanela única de atención a este alumnado para axudalo e asesoralo en todo o proceso no que atinxe a trámites administrativos, para obteren así toda a información que requiran. “O estudantado estranxeiro é recibido ao chegaren por persoal cualificado, que coñece diferentes linguas e a idiosincrasia do alumnado e é orientado e atendido en todo momento tanto en cuestións burocráticas e administrativas como en aspectos prácticos sobre a vida en Galicia”, explica Anne Forryan, xefa do Servizo de Relacións Exteriores da USC.

Ademais da asistencia a feiras de captación no exterior e a atención de alumnado o Centro de Benvida Internacional realiza outras tarefas de vital importancia a prol da internacionalización. Destacan a coordinación de axentes educativos, a definición da estratexia da política de exploración de rexións potencialmente interesantes e o deseño e posta en marcha de estratexias de comunicación internacionais e campañas de márketing dixital.

Comparte:

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

quince + quince =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.