Galicia contribúe a aumentar a poboación de lumbrigante coa solta de 500 xuvenís da especie en Carnota

A acción foi realizada polo alumnado do Instituto Galego de Formación en Acuicultura. A Xunta leva soltados máis de 5.200 exemplares deste crustáceo nos últimos nove anos

A directora xeral de Desenvolvemento Pesqueiro da Consellería do Mar, Susana Rodríguez, participou hoxe na solta de 500 exemplares de xuvenís de lumbrigante que realizou esta mañá o alumnado do Instituto Galego de Formación en Acuicultura (Igafa) na Praia do Mar de Lira, no concello de Carnota.

Con esta acción a Xunta busca contribuír a mellorar a poboación da especie na Reserva Mariña de Interese Pesqueiro Os Miñarzos.

O Igafa vén realizando este tipo de soltas desde o 2012, nas que a Consellería do Mar xa leva incorporado ao medio mariño máis de 5.200 exemplares de lumbrigante, a maioría na costa de Lira.

Os individuos liberados deste crustáceo, duns 6 centímetros de lonxitude, foron cultivados polos alumnos e as alumnas do Igafa nas súas prácticas de estudo mentres que os seus proxenitores son salvaxes e proceden das rías galegas. No traslado dos exemplares desde o Igafa ata a praia de Lira participaron efectivos do Servizo de Gardacostas de Galicia.

Esta é unha mostra máis do importante traballo de cultivo de especies realizado polo profesorado e o alumnado do Igafa, centro referente en España na formación de acuicultura e mergullo. Un labor que contribúe ao compromiso da Xunta coa comunidade galega, co seu mar e cos seus traballadores e que inclúe o de coidar os ecosistemas e os seus recursos.

As soltas

As soltas para a repoboación de especies mariñas comezaron a realizarse no marco do Plan de repoboación de especies mariñas que se realizou en Galicia, que tivo a súa orixe no ano 2000 e que se impulsou no ano 2005 a través de varias accións de investigación, nas que participaron o Centro de Investigacións Mariñas (CIMA) e o propio Igafa.

Desde o ano 2012 as soltas realízanse a través do alumnado do Igafa, que liberan os exemplares cultivados nas súas prácticas de estudo. Estes individuos adoitan acadar a talla comercial cando chegan aos catro anos e medio de idade aproximadamente.

Comparte:

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

17 − tres =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.