Sanxenxo. Seguen os erros no parque de Punta Vicaño

Cun investimento de case 100.000€ de diñeiro público, o goberno do PP continúa tomando decisións erróneas na remodelación do parque de Punta  Vicaño. E é que, tras a vergoñosa venda de árbores centenarias da anterior lexislatura, o Concelleiro de Medio Ambiente acomete agora a remodelación do  Vicaño coa mesma falta de acerto e sensibilidade ecolóxica que no pasado.

Están a plantarse especies foráneas que son máis caras, máis difíciles de manter e máis delicadas que as autóctonas, xa afeitas ao clima da nosa localidade.
Tamén se construíu un estanque coas paredes verticais rectas. Os estanques deben ter paredes en rampla que faciliten a pequenos animais saír se accidentalmente caen á auga. O seu emprazamento non é tampouco o máis adecuado xa que, ao estar preto dun gran eucalipto, as súas follas caen ao estanque e contaminan as augas cos seus tóxicos. A falta dun fluxo continuo de auga corrente convertería ese estanque nunha charca, un criadeiro de mosquitos e punto de propagación de enfermidades e molestias para os usuarios.
Doutra banda, un gasto de 40.000€ en iluminación parécenos completamente inflado e inapropiado para esa contorna. Tanta luz alteraría o ciclo natural dos seres vivos do lugar e urbanizaría en exceso un parque que cada vez se parece menos ao  Vicaño que coñecíamos.
Podemos  Sanxenxo propón usar xuncos, espadanas,  iris,  ranúnculos, mesmo menta acuática ou algún dos 10 tipos de  fentos presentes na contorna e outras especies propias dos humidais da zona. Sería recomendable recuperar as caixas-niño para promover a cría de paxaros na posición e distancia adecuada. Tamén se tería que reformar o estanque para evitar os problemas anteriormente detallados, entre outras medidas.
A nosa agrupación considera que o realmente importante sería que o concelleiro do ramo se plantexara se sabe o que é e significa o medio ambiente. Diante disto, e se a resposta é sincera, a solución é evidente: formación, por favor, formación para non seguir esnaquizando a nosa contorna con diñeiro público.
Comparte:

Deja un comentario

Tu dirección de correo electrónico no será publicada. Los campos obligatorios están marcados con *

tres × 3 =

Este sitio usa Akismet para reducir el spam. Aprende cómo se procesan los datos de tus comentarios.