A orixe do cinema en España e a súa relación coa construción naval, a estudo na Cátedra Jorge Juan do Campus de Ferrol

O Salón de Actos Concepción Arenal do Campus de Ferrol acolle, este xoves 30 de xaneiro, ás 19:30 horas, a conferencia do historiador, escritor e documentalista Guillermo Escrigas Rodríguez no marco da Cátedra Jorge Juan que dirixe a profesora da Facultade de Ciencias do Traballo, Asunción López Arranz.

Ao longo da súa intervención, o relator afondará na orixe do cinema galego e español así como na súa vinculación coa construción naval na cidade de Ferrol. As botaduras do acoirazado Jiménez de Cisneros (1897), do España (1912) e mais do Alfonso XIII (1913) serán o fío condutor dunha conferencia na que tamén se analizará con detemento a sociedade ferrolá da época.

Guillermo Escrigas Rodríguez (Ferrol, 1953) traballou como documentalista no Grupo Sargadelos e foi xerente do Museo Galego de Arte Contemporánea “Carlos Maside”. En setembro de 2007 foi nomeado director do Centro Galego das Artes e da Imaxe (CGAI), cargo que ocupou ata a súa xubilación en decembro de 2019. Entre os seus traballos audiovisuais cómpre salientar o descubrimento e recuperación da película Botadura do acoirazado Alfonso XIII (1913), unha peza de pouco máis de tres minutos de duración que contén as primeiras imaxes en movemento conservadas sobre Galicia.

Entre as súas publicacións destacan Rande. Mito e Realidade, Bibliografía da Gastronomía de Galicia, Gravados e litografías de Maruja Mallo, O libro escolar en Galicia. Bibliografía ou Isaac Díaz Pardo. Creación e Compromiso na Galicia do Século XX

1 14 15 16 17 18 76