Towanda Rebels abre os Faladoiros Feministas da Deputación de Lugo

A Deputada de Formación, Ensino e Economía do Coñecemento, Ana González Abelleira, e Fátima Pérez, do Foro Feminista Maruxa Mallo, inauguraron este venres un novo ciclo de Faladoiros Feministas impulsados pola Deputación de Lugo, que se desenvolverán ata o mes de maio. Teresa Lozano e Zua Méndez, Towanda Rebels, foron as encargadas de establecer un coloquio no Vello Cárcere de Lugo coas persoas que se achegaron ata o encontro.

A Deputación de Lugo, xunto co Foro Feministas Maruxa Mallo organizan esta iniciativa que ten como obxectivo conectar o feminismo coa cidadanía, propoñendo alternativas para situacións derivadas da estrutura social patriarcal, empoderar ás mulleres e loitar contra as violencias machistas.

Ademais da achega económica necesaria para a organización dos Faladoiros Feministas, a Deputación, a través do Servizo de Audiovisuais, contribuirá á súa difusión.

Os faladoiros continuarán ata o mes de maio coa celebración doutras catro citas, nas que intervirán Ana Iglesias, o 28 de febreiro; Marta Busquets, o 13 de marzo; Carmen Castro, o 24 de abril, e Mabel Lozano, o 22 de maio. A entrada é libre e gratuíta ata completar aforo.

Xande e Pixote compretan a lista do Pescados Rubén

As últimas incorporacións do Pescados Rubén Burela FS, os alas brasileiros Alexandre de los Santos, Xande, e Alexandre Rodrigues Canha Pixote, formarán parte da expedición que partirá esta noite dende A Mariña cara a terras valencianas.

Os reforzos de inverno do cadro de Juanma Marrube,  que xa levan uns días en Burela, dispoñen de toda a documentación necesaria e poderán defender a camisola laranxa este domingo na pista do Levante UDFS (12.00 horas) completanto a lista dos 12 convocados: 1. Edu, 2. Joselito, 4. Lucho, 6. Luisma, 9. Pitero, 10. Matamoros, 12. Renato,13. Pixote, 14. Pope, 15. Xande, 22. Álex Diz, 24. M. Kaluza

O Lucus Intercentros, por streaming

O Servizo de Audiovisuais da Deputación emitiu en directo a través de Youtube o concurso Lucus Intercentros celebrado este venres no IES Muralla Romana. Unha ducia de alumnos e alumnas do Centro de Formación do SdeA, supervisados por un docente e varios técnicos, foron os encargados de realizar o streaming do evento, no que competiron estudantes de 1º de Bacharelato dos sete institutos da capital lucense.

O Deputado de Promoción Económica e Social, Pablo Rivera, participou na entrega de premios desta novena edición, na que resultou gañador o equipo do IES Sanxillao. O segundo posto foi para o IES Leiras Pulpeiro tras unha disputada final.  En terceiro lugar quedou o IES Lucus Augusti e o IES Xoán Montes foi cuarto. Repartíronse tabletas, pulseiras de actividade e altofalantes bluetooth.

 

Prácticas en escenarios reais

Na realización do streaming os alumnos e alumnas do SdeA empregaron catro cámaras e todo o material preciso para a transmisión do evento a través de Internet. Os estudantes rotaron polos distintos postos, desde realizador e mesturador de vídeo e son, ata operador de cámara, co obxectivo de aproveitar ao máximo esta práctica formativa.

Por outra banda, a organización do concurso Lucus Intercentros tamén serviu de práctica aos estudantes de Administración e Xestión do Muralla Roma. Trátase dun certame de preguntas e respostas sobre contidos propios de 1º de BAC, no que compiten equipos formados por tres alumnos. Hay dez bloques sobre distintas materias, que van desde a actualidade económica, política e social, ata a arte o deporte ou a xeografía. Ademais do SdeA tamén colaboraron o CIFP Politécnico e a Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón.

Visita ás obras de restauración do busto de Xoán Montes

O Tenente de Alcalde de Lugo, Rubén Arroxo, xunto con Maite Ferreiro, concelleira de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua, visitaron o estudo de arquitectura Parteluz, onde se están a levar a cabo os traballos de restauración do busto de Xoán Montes. Participaron da visita tamén representantes dos colectivos lucenses vencellados á cultura que promocionaron o traslado do busto.

Actualmente, o busto está a pasar por un proceso de restauración e limpeza por parte dun equipo especializado, que, segundo indicou a restauradora encargada do proxecto, Uxía Aguiar, se está a encargar de eliminar a suciedade das pezas de mármore e granito que compoñen a obra, mantendo as marcas de envellecemento propias da peza. Nas vindeiras semanas, comezarán as escavacións arqueolóxicas precisas para a colocación da estrutura e posteriormente do busto. Unha vez a restauración remate e a estrutura esté colocada, procederase a montar de novo o busto na praza Maior.

O expediente para esta actuación iniciouse no pasado mandato, e foi impulsado no suplemento de crédito aprobado polo actual goberno no mes de setembro, cunha inversión de 18.000 euros. Esta actuación ten como obxectivo resituar a figura de Xoán Montes no centro da cidade. Esta ubicación elixiuse dado que o propio Xoán Montes desenvolveu boa parte da súa actividade musical no quiosco da música da praza maior, o Círculo das Artes e a Catedral.

1 2 3 60